Qué é a CNT?
Dez minutos, oes Dez minutos, oes.
En dez minutos de lectura quedarás ao tanto de
QUE É A CNT
Un sindicato que:
- Non admite subvencións.
- Non quere liberados sindicais.
- Non vota nas eleccións sindicais.
En resumo, un sindicato como ten que ser.
CNT, outro xeito de facer sindicalismo.
Todos os demais sindicatos piden o teu voto. A CNT non. Non queremos que nos votes.
Na CNT temos outras formas de pensar e de nos organizar: non nos presentamos ás eleccións sindicais; non queremos subvencións do Estado nin das empresas; na CNT os cargos non son remunerados, ninguén gaña un soldo por adicar-se ao sindicalismo; non temos delegados sindicais que leven anos sen aparecer a traballar no seu posto...
Esto e algunhas cousas máis é que queremos explicar-te nestas follas que tes nas mans.
A CNT, un sindicato...
A CNT é un sindicato de traballadores /as con moitos anos de experiéncia e de loita ao lombo. O noso sindicalismo está alonxado da burocrácia e dos despachos, fai-se na rua, nos tajos, nos centros de traballo.
Organizamo-nos nos sindicatos de ramo da CNT todos os traballadores dun mesmo sector da producción: construcción, metal, hostelaria,etc. Facemo-lo asi para praticar diariamente a SOLIDARIEDADE e para non cair no erro de pensar que o sindicalismo é solucionar o noso problema persoal e esquecer o dos demais. Xusto por isto da solidariedade, cando xurde un conflito laboral nunha empresa, non importa de que ramo sexa, toda a CNT pon-se en marcha para defender a eses traballadores que teñen problemas.
Non confiamos nos xuzgados e nas leis. Que non se ignore que as leis as fan os que mandan e case sempre se esquecen dos que traballamos. Por esto, na CNT praticamos a ACCION DIRECTA, ou sexa, o sindicato presiona ao patrón, aos executivos da empresa ou á empresa diretamente, sen intermediários, sen comités de empresa, sen profisionais da política nen do sindicalismo. Cando eses "profisionais" participan de representantes dos traballadores nos problemas laborais case sempre acaban firmando cambalaches que nos prexudican. Aí están os últimos anos cheos de malos convénios, reconversións salvaxes, desertizacións industriais... e en todos está a firma dos sindicatos “representativos”.
Cando a CNT toma unha decisión é porque a votaron os seus afiliados nas asembleas. Aqui non hai dirixentes. Igualmente cando a CNT se senta a negociar en algún conflito laboral defende exacta e literalmente o que a asemblea de traballadores desa empresa ou centro de traballo manda. A PARTICIPACION dos traballadores na toma de decisións e no deseño das campañas de mobilizacións é fundamental. Se esto non se fai asi os traballadores imos perdendo a nosa capacidade de loita, a nosa rebeldia e dignidade, perdemos a posibilidade de pensar por nós mesmos, de ser independentes. Cando esto ocurre, os empresários fan con nós o que queren.
¿Que é o que está pasando agora? Despois de tantos anos de comités de empresa, de sindicalistas profesionais, de miles de horas sindicais utilizadas para pasear o maletín, de subvencións aos sindicatos,..., pois depois de todo eso impoñen-nos unhas condicións de traballo cada vez peores: contratos temporais co medo ao despido contínuo, traballos en contratas e subcontratas, traballos a destallo, traballos como autónomo, horas extras obrigatórias, etc. E, como resultado, piores soldos e unha chea de accidentes laborais.
A nosa acción sindical
Nas grandes e medianas empresas
Os afiliados e afiliadas á CNT praticamos a acción sindical a través das Seccións Sindicais, xamais a través dos comités de empresa. A sección sindical é o conxunto de todos os afiliados e afiliadas á CNT nunha empresa. Por eso son todos os afiliados, e non só os delegados, os que levan para adiante a acción sindical: información aos traballadores dos planes e actuacións da empresa, denúncia das infraccións das normativas, leis e convénios, defensa dos compañeiros que teñan conflitos co patrón, elaboración de plataformas reivindicativas, organización de campañas de solidariedade cos traballadores doutras empresas ou sectores, etc.
Os comités de empresa quitan o protagonismo aos traballadores porque son os delegados dos comités os que o levan todo, non deixan espácio para que o resto dos traballadores participen, propoñan e decidan. Ademais, os membros dos comités están privilexiados con repecto ao resto de compañeiros: non poden ser despedidos mentres sexan do comité e durante un ano máis, teñen horas sindicais que en moitos casos empregan como lles dá a gana, e o máis grave, moitos deles non van ao seu posto de traballo durante anos, acostrumbran-se ás reunións coa empresa e ás negociacións, e ao pouco levan-se mellor coa empresa que cos compañeiros.
Os delegados das seccións sindicais da CNT son rotativos entre os afiliados da Sección Sindical. Cando unha asemblea os nomea para asistir a unha negociación son nomeados exclusivamente para un tema concreto e só pode defender as posicións que a asemblea decidiu. Ademais, nesa negociación non firmará nada mentres que os traballadores non o decidan en asemblea.
Os delegados das seccións sindicais da CNT están no seu posto de traballo, nada de sindicalismo profesional. Nas poucas empresas nas que collemos horas sindicais facemo-lo para cousas concretas e informamos de para que utilizamos esas horas.
Os afiliados á CNT pensamos que a información é fundamental. Por eso a nosa acción sindical ten un pilar importante na contínua información dos traballadores. Se un traballador está informado dos seus dereitos, da situación dos seus compañeiros, da situación de outros traballadores de empresas ou ramos diferentes, dos problemas do seu entorno, etc, estará máis decidido a ser libre, a ser independente, a ser tolerante, a ser solidário, a non se deixar asoballar e a esixir a suas reivindicacións.
Ou sexa, fomentamos unha acción sindical participativa, solidária, non burocrática, feita polos traballadores e traballadoras e alonxada dos despachos.
Na pequena empresa e na economia submerxida
Nestas condicións laborais o traballo sindical volve-se máis duro. Neste tipo de empresas, o simple feito de que o empresário se enteire de que un traballador está afiliado á CNT é perigoso. Tamén o é, por suposto, que estexas afiliado a calquera outro sindicato, salvo se é o sindicato “amarillo” (o que está promovido pola mesma empresa).
Nestas condicións os traballadores afiliados organizan-se directamente dende o sindicato. Aqui non hai seccións sindicais que valgan. En condicións tan duras é cando a acción directa e a solidariedade son máis necesárias. Se hai conflitos nestes sectores, os compañeiros da CNT que traballan en empresas máis grandes ou sen tantos problemas, axudan e apoian aos compañeiros das pequenas empresas e da economia submerxida. Todo isto fai-se coa coordenación das Federacións Locais de Sindicatos da CNT.
A CNT ven denunciando sistematicamente a situación laboral de sectores como o da construción, as empregadas do fogar, o campo, os milleiros de pequenas empresas de poucos traballadores. Ademais, levamos a información dende estes sectores de condicións laborais máis duras ás empresas onde os traballadores están en mellores condicións. Só coa comprensión e apoio de todos os traballadores e traballadoras, independentemente de onde traballen, é como a acción sindical é coerente e realmente solidária. Se non se fixera asi, caeriamos no corporativismo e o salve-se quen poida.
Nestes sectores a CNT leva a cabo unha contínua labor de información. Asi conseguimos que, á marxe dos sindicatos “representativos”, os traballadores esixamos os nosos dereitos, que perdamos o medo e que recobremos a ilusión por organizar-nos e defender xuntos a nosa dignidade.
CNT, as nosas ideas...
Moitas veces chaman-nos utópicos para insultar-nos. Si, somos utópicos, pero o que defendemos nas empresas, nos bárrios e nas vilas onde nos movemos son dereitos concretos. Non somos ilusos que esteamos nas nuves, pero queremos cambiar a sociedade. Unha pulga non pode matar un elefante, pero moitas pulgas poden encher-lle o corpo de ronchas, e ao mellor o elefante cámbia, ou morre...
Desde logo, a CNT non caiu no “pragmatismo”, en pensar que, xa que non podes vencé-los, hai que unir-se a eles. Ilustres pragmáticos da nosa época son e foron Felipe González e todo o seu PSOE, a UGT e CCOO cos seus constantes pactos co Poder que rematan en máis precariedade laboral. A CNT nega-se a seguir ese camiño.
Nós estamos no século 21, pero non nos volvemos comprensivos cun Poder que parece saido do século 19. Hoxe como antes pensamos que o poder corrompe, que dende o poder non se resolve nada (salvo o problema do que está ocupando o cargo), que os problemas os resolvemos os de abaixo ou nos van seguir fodendo. Por eso os parlamentos, políticos, comités de empresa, executivos das empresas, os governos, os concellos, non nos gustan nada de nada, desconfiamos deles e de todos os que aspiran a chegar a eles.
Facemos anarcosindicalismo, ou sexa, un sindicalismo de ideas anarquistas.
TODOS os demais sindicatos viven das subvencións, e dicir, do diñeiro que lles dá o Estado, do diñeiro que lles dá a Unión Europea para facer cursiños para entreteñer aos parados, viven tamén dos negócios das suas empresas (mesmo teñen empresas de Seguros!), das débedas que lles perdoa o Estado e a Seguridade Social, etc. A CNT só vive das cuotas que pagan exclusivamente os afiliados, vivimos do noso traballo e punto. Non queremos “favores” do poder. No noso sindicato NON HAI LIBERADOS SINDICAIS: ningun afiliado á CNT pode vivir do sindicato, nin o sindicato pode vivir do Estado. Non se poden afiliar aos nosos sindicatos os membros do exército, policia e funcionários de prisións. Os membros de partidos políticos e os curas non poden nunca asumir ningun tipo de cargo nos sindicatos da CNT. E, naturalmente, non se pode afiliar ningún empresário, é dicir, calquera que teña empregados. Asi garantimos a nosa absoluta independéncia do Poder en calquera das suas formas. Asi garantimos que a CNT é un sindicato só de traballadores e que non lle vai ter que pagar “favores” a ninguén. Asi garantimos que só os traballadores deciden e teñen o poder nos sindicatos da CNT.
Decide-te, visita-nos e xuzga por ti mesmo. Se non te convences, busca outro sindicato e afilia-te: un traballador só non ten forza; só podemos parar os abusos dos empresários e cambiar esta sociedade coa unión e a solidariedade.







