Prensa obreira

A Federación Local da CNT de Ferrol convoca ao persoal da administración pública á folga do día 8 de xuño

08/06/2010 00:00

Fronte á política de recortes nos salarios dos empregados públicos, a Federación Local da CNT de Ferrol convoca aos traballadores e traballadoras do sector público á folga xeral do próximo martes 8 de xuño de 2010.

Novamente, os traballadores e traballadoras temos que pagar do noso peto o despilfarro da administración, a piratería do empresariado e a desregulación do sector financieiro.

Mentres as administracións públicas continúan aplicando a política de privatizacións encubertas e manteñen a maior parte dos gastos innecesarios, comezando polos coches oficiais, axudas ao transporte dos deputados, comidas oficiais e todo tipo de retribucións encobertas dos altos cargos, só os traballadores vemos recortadas as nosas retribucións.

Despois de moitos anos de perda de poder adquisitivo, a agresión do goberno contra o persoal da administración pública chegou a límites intolerables coa rebaixa dos nosos salarios.

Pídesenos un esforzo a todos os traballadores, mais as administracións, o empresariado e a banca só están mirando por manter os seus privilexios e o único que están dispostos a sacrificar son os escasos dereitos sociais que aínda conserva a clase traballadora. Ameazan coa desaparición da sanidade pública, coa extensión da idade de xubilación, co recorte das pensións e dos salarios, co despedimento libre e co incremento da xornada ata límites intolerábeis. A socialdemocracia e o neoliberalismo amosan claramente que son dúas facianas dunha mesma moeda.

A Federación Local da CNT de Ferrol propón que se hai que facer recortes se comece pola supresión de calquera financiación pública ao deporte profisional, a eliminación das subvencións ás confesións relixiosas, a supresión das axudas aos centros de ensino concertados, a retirada inmediata das tropas de Afganistan e a eliminación do gasto militar, a supresión total das subvencións a partidos políticos, organizacións empresariais e sindicatos, a retirada da financiación pública á visita do Papa Benedicto XVI, e a paralización de infraestructuras innecesarias e prexudiciais como os portos exteriores da Coruña e Ferrol, a Cidade da Cultura, o AVE, ou o porto deportivo de Masso, entre moitos outros.

Pola súa parte, a Federación Local da CNT de Ferrol anuncia a súa intención de manter as mobilizacións contra todos e cada un dos recortes sociais que se vaian producindo. O xoves 17 de xuño ás 20 horas, faráse unha charla sobre os recortes sociais no local do Sindicato (Avenida de Esteiro, 10), e o sábado 19 de xuño convocamos unha concentración diante do edificio da Xunta de Galicia (praza de Amada García), ás 12 horas. O día 26 de xuño terá lugar unha manifestación a nivel galego, en Compostela, ás 12 horas.

Este sindicato quere chamar a todas as traballadoras e traballadores, e moi especialmente aos da administración pública, a autoorganizarse e traballar colectivamente para loitar contra ás medidas antisociais recentemente aprobadas e para tentar evitar ás que se están anunciando e as que se poidan improvisar nos vindeiros tempos.

Ferrol, 6 de xuño de 2010

 

Sección sindical Xunta de Galicia

Campañas

 

Multimedia

Entrevista a sección sindical da Xunta de galiza realizada en Radio Filispim

Eventos

« Xaneiro 2013 »
LunMarMérXovVenSábDom
123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031