8M: folga xeral feminista

Memoria histórica

21/10/2009

Onte comezaron no adro da igrexa de Curro (Barro) as escavacións levadas a cabo por voluntarios da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Alí están soterrados o xornalista Ramón Barreiro Rodríguez, de 19 anos e veciño de Barro, e o electricista Castor Cordal Garrido, de 27 anos, veciño de Corbillón (Cambados) e afiliado á CNT.

Foron fusilados na madrugada do 15 de setembro de 1936 na estrada a Pontevedra, e soterrados por uns veciños á noitiña, logo de que os membros da Falanxe que prseuntamente dispararon os deixaran tirados na cuneta.

Castor tiña un brazo roto, ao intentar evitar ser apresado, e ambos os dous tiñan un dedo amputado. Esta amputación, feita cunhas tenaces antes de morreren, foi para roubarlles sendos aneis, un deles visto despois na man dun coñecido. Os pais dos dous mozos foran torturados. Logo de andaren un tempo fuxidos, foron apresados.

A emoción do momento foi inmensa. Sobriñas e curmáns dos fusilados non ocultaban a súa satisfacción pola posibilidade non só de soterrar os restos no panteón familiar xunto cos seus irmáns e pais, senón da reposición moral e do recordo dos seus fillos.

Facemos un chamamento a colaborar mediante a recuperación dos artigos publicados por Ramón Barreiro en gacetas locais e outros medios, así como de documentación relativa a estes dous persoeiros. Xente traballadora de ben, que só quería un mundo máis xusto.