Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

A aplicacion da Lei de Memoria Histórica en Pontevedra

Hoxe martes 12 de maio tivo lugar na Casa das Campás unha charla sobre a Aplicación da Lei da Memoria Histórica na cidade de Pontevedra.

O proceso de elaboración da chamada "Lei de Memoria Histórica" e a súa redacción final orixinaron un intenso debate na sociedade e, en particular, nas persoas e asociacións relacionadas coa recuperación da memoria histórica. Pero non é menor o suscitado polo proceso de posta en práctica da mesma.

Para analizar o estado da cuestión na comarca de Pontevedra, a asociación Sempre con Vós, Cidadanía pola Verdade, organizou esta mesa redonda.

No acto participou o historiador pontevedrés Xosé Henrique Acuña, autor de numerosas publicacións, comisario da exposición "Memorial da Liberdade. Represión e resistencia en Galiza 1936-1977", e autor do libro de recente aparición A resistencia antifranquista en Galiza. Víctor Fernández, membro da Confederación Nacional do Traballo, e Xosé Álvarez, membro de Sempre con Vós, investigador da represión en Pontevedra e autor do blog Pontevedra nos anos do medo.

Na charla falouse entre outras cousas de incautacións materiais e inmobles, de procesos pseudolegais e de paseados e paseadores, de relixiosos que decidían quen morría e quen vivía, e de alcaldes con nomes no rueiro.

Entre os asistentes estaban familiares de desaparecidos e de axustizados interesados en conseguir información relativa aos casos. Os historiadores fixéronlles as recomendacións oportunas, malia que os procesos adoitan ser complicados debido ó pouco interese institucional en botar luz ao asunto.Nin concello, nin xunta, nin estado; nin partidos políticos nin sindicatos amarelos.

Unha vez máis, quedou claro que é o pobo, a iniciativa popular, quen debe moverse polos seus intereses.

O pobo non esquece o que pasou. Os nomes e apelidos dos represores e reprimid@s non debe ficar no esquecemento, nin sequera ficar nunha praca de mármore no camposanto ou nun monólito.Eses nomes deben quedar impresos nos nosos corazóns.