Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

12 de Abril: Inauguración do monumento aos “Fuxidos do Portiño” na Coruña

mani contra o golpe
O sábado, 12 de Abril, às 19,30 horas, inaugura-se no Portiño (San Pedro de Visma-A Coruña) un monumento às vítimas de 1937, obra de Pepe Galán. O acto está organizado pola Comisión pola Recuperación da Memória Histórica de Coruña que xa realizou no pasado ano un homenaxe no mesmo lugar, e que edita nesta ocasión “A gaceta d’o Portiño”.

Despois do golpe militar de 1936, militantes do poderoso sindicato de traballadores do mar da Coruña, o “Despertar Marítimo”, da CNT, foron quen de preparar várias fuxidas por mar. Nelas marcharon os militantes máis comprometidos na resisténcia e moita xente moza que desexaba evitar a chamada a filas no exército franquista. Despois de várias fugas exitosas en outubro e decembro de 1936, veu a fuga do Monte de San Pedro. Nela, vários militantes anarco-sindicalistas coruñeses serian introducidos polos sindicalistas pesqueiros en dos barcos que ian sair a faenar, o “José” e “Generoso Linares”. Unha vez en alta mar, os barcos serían asaltados polos mariñeiros e militantes libertários, para ir recoller a toda a xente que acudir à ensenada do Portiño.
O 3 de marzo de 1937 un cento de persoas tentaron fuxir da represión franquista desde o peirao do Portiño. Estaban-nos agardando as forzas represoras e houbo numerosas detencións, dous afogados e, poucos meses despois, 17 fusilados no Campo da Rata (Punta Hermínia).

Mas a fuga frustrou-se porque alguén se foi da língua e os asaltantes tiveron que desembarcar antes da saída dos barcos. Pola sua parte, vários dos homes que ían marchar tiveron un encontronazo cun empregado da rádio costeira, no Monte de San Pedro, e a alarma fixo que a guarda civil copara a zona e detivera a 28 persoas. O resto de fuxidos, até unha cifra cercana à centena, tiveron que escapar polo monte, nadando, ou nos pequenos botes cos que ian embarcar nos pesqueiros. Vários homes morreron afogados ao tentar fuxir. Dos detidos, 15 foron executados a comezos de outubro de 1937, mentres outro, José António irmán de Pucho Boedo, detido posteriormente, era tamén executado.

Malia a selvaxe represión contra os fuxidos do Monte de San Pedro, o “Despertar Marítimo”da CNT seguiu organizando fugas até práticamente finais de 1938. Sen querer aproveitar algún dos embarques para fuxir, o antigo militante pesqueiro Manuel Montes se mantivo na Coruña cooperando na organización das fuxidas até que foi detido e asasinado.

Coruña,
compañeiros
Coruña,
berraba a anguria entre as rochas
Compañeiros,
andar ó asexo é o que cómpre.
Coruña,
última oportunidade para a loita
Compañeiros,
non durmir nunca, por se non hai día
Coruña,
tras do mar viñeron mais penas
Compañeiros,
por ser como somos viviremos.
Subimos o monte
coa esperanza dunha nova vida,
dun mundo enteiro.
E voamos polo Agra arriba,
fuxindo cara a morte,
pero ó chegarmos á Moura,
unha gaiola pasou
a carón nosa,
decíndonos:
non vaiades,
que a morte disfrazada
de verde e azul agarda por vós.
Non lle fixemos caso,
e corrimos cara a liberdade,
para ter mais ocasións
de facer a revolta,
de xuntármonos na causa común
das tres cores, e, baixo ela,
traballar,
polo futuro da cultura propia,
sen sombras.
80 cabezas e 5 pistolas
preparou o despertar marítimo para a fuxida.
Coa mala sorte de Antonio Boedo,
da construción, fillo de José Antonio,
e o Manco da Acea da Má,
e o Iquiño, o panadeiro,
coa desgraza do Longueira, o metalúrxico.
80 cabezas, 5 pistolas e 2 bombas
ían montar unha nova vida
para o diputado socialista Rufilanchas,
e para o Fernando López Mantiñán,
do Portazgo e da CNT,
e para Alejandro Dopico Saleta,
tamén da CNT,
e para Antonio Vidal González,
da FAI,
xunto con Manuel Tellado,
de Pedralonga.
Man con man,
con tantos outros que aquí non falan.
Todo con 80 cabezas,
5 pistolas e tamén 2 bombas.
Logo apareceron dous corpos,
un deles totalmente desfigurado,
na praia de Riazor.
Outro, cunha tatuaxe no brazo dereito,
e coas letras E.R. bordadas no calzón.
Este último viña sendo
Emilio Rodríguez Doldán, o Xanetas,
empregado no hospital municipal.
25 penas de morte e 2 de cadea perpetua.
Para sempre estaredes na nosa memoria;
hoxe, no Portiño xa non quedan árbores,
pero as vosas raíces
prenderon no corazón da Coruña.
Aí van, cara á liberdade:
A Coruña, Os Compañeiros,
e O Portiño.

Rubén Afonso Lobato