8M: folga xeral feminista

Desestimada a denúncia da família dun ex-alcalde franquista contra o historiador Dionísio Pereira

dionisio pereira

O Xulgado de Primeira Instáncia da Estrada acaba de desestimar a denúncia que a família dun ex alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres, apresentara contra o historiador Dionisio Pereira. Os descendentes do rexedor consideraban que un estudo do autor sobre a represión en Terra de Montes constituia un atentado contra a honra do que fora tamén xefe da Falanxe na localidade.

No controvertido texto, Dionísio Pereira aporta dados que vinculan ao ex alcalde coa violenta represión que se produciu na comarca logo do golpe militar de 1936. Xa durante o próprio xuizo celebrado o pasado día 2 de outubro, o fiscal sinalou que non via motivos para a demanda civil. Agora, o xulgado ratifica aquela opinión.

Segundo explicou a avogada do historiador, Jacoba Millán, a família ten de prazo até o xoves da vindeira semana para apresentar recurso diante da Audiéncia Provincial. Sexa como for, a própria letrada lembraba que se trataba dunha sentenza importante polo precedente que senta na Galiza. Ademais subliñou que queda probado que o autor tiña fontes sólidas que apoiaban o seu estudo.