8M: folga xeral feminista

Ataque fascista contra a memória revolucionária en Cerdedo

monumento homenaxe cenetistas CNT cerdedo

O monumento dedicado a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias -dous traballadores de Figueroa (Cerdedo), militantes da CNT, paseados e asainados o 13 de agosto de 1936- situado na Ponte do Barco de Pedre (Cerdedo), foi obxecto dun novo atentado protagonizado polas hostes fascistas.

Os vándalos arrincaron a placa na que figura unha inscrición onde pode lerse `Morreron pola liberdade`, e lembra tamén a todos os cerdedenses que tiveron o mesmo destino ou foron obxecto de calquera tipo de represalia por teren defendido a liberdade.

Produciuse esta semana e trátase do terceiro en menos dun ano. Antes da inauguración, celebrada o 12 de agosto de 2006, quixeron borrar a placa prendéndolle lume, pero non foron quen de conseguilo. Días despois do acto voltaron ó lugar para arrincala e facela desaparecer por primeira vez.

A asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, promotora da iniciativa que fixo posible erguelo e restauralo, emitiu un comunicado de condena por este novo atentado perpetrado contra un monumento que o pobo libre de Cerdedo erixiu co gallo do 70 cabodano dos asasinatos, e entende que tales feitos son unhas verdadeiras agresións contra valores como a liberdade e a intelixencia, que non fan máis ca salientar a necesidade de seguir traballando a prol da recuperación do noso pasado, pese a quen lle pese.

N filloon deixa de chamar a atención a total impunidade coa que é posible actuar en Cerdedo, xerando a dor nas xentes que un día deron o mellor na defensa da legalidade e na procura dunha sociedade máis xusta e, en primeira persoa ou a través dos seus familiares ou achegados, sentíronse dalgún xeito recoñecidas cun sinxelo monumento. Os seus exemplos son a enerxía que fai ondear a bandeira que erguemos agora e erguerán os nososs no futuro.

Sorprende, porque mentres colectivos como Verbo Xido, e outros espallados por Galicia que traballan a prol da recuperación da memoria histórica, cumpren con todos os requisitos e superan non poucos atrancos para manter sempre as súas actividades no marco da legalidade, unha institución como o Concello de Cerdedo dá marcha atrás e revoca o acordo plenario de retirar unha rúa dedicada a quen foi un recoñecido falanxista: Manuel Gutiérrez. Ademais de homenaxear a aqueles que son responsables directos da destrución da democracia, actuacións deste tipo alimentan a bestas como as que acudiron á Ponte do Barco a deixar unha pegada da súa miseria moral, impotencia e cobardía.

Só morre o que se esquece. De Verbo Xido lembran que sempre terán presentes a aqueles que abriron o camiño do porvir a costa das súas vidas. A suadeterminación é restituír canto antes o roubado e facelo cantas veces faga falla, até que a cordura e a xustiza saian triunfadoras.