Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Un historiador xulgado por denunciar a represión franquista

http://www.cntgaliza.org/files/cartel_tira.jpgA familia do antigo alcalde de Cerdedo e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar de 1936, Manuel Gutiérrez Torres, ten presentado unha demanda de conciliación contra o historiador Dionisio Pereira González que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo. Dionisio Pereira, especializado no movemento obreiro en Galicia e na represión durante e despois da guerra civil, foi denunciado por publicar a seguinte frase:

"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da
Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto
(falanxistas)....".

A frase apareceu publicada no libro "A IIª República e a Represión
franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido". A
denuncia tamén recolle unha frase semellante publicada nun traballo do mesmo historiador incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.

A familia de Manuel Gutierrez Torres esixe ao historiador que se retracte,
que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as
frases devanditas e que pague unha indemnización polos danos e perxuízos
sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno".

Dionisio Pereira asegura que pode nin quere retractarse, posto que esas
persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha
represión na que se “pasearon” a 7 veciños, e houbo malleiras,
multas, roubos, detencións e humillacións sen taxa. O problema deste
historiador é que só dispon de fontes orais, posto que os sistemas de
represión do franquismo non teñen a penas referencias documentais e ficaron
impunes.

Dionisio Pereira considera que está en xogo a liberdade de expresión e o
mantemento da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus
descendentes, e que esta denuncia sobarda a cuestión persoal, e debera ser
tomada en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a
acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que traballan na recuperación da memoria da represión franquista

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) quere facer público o seu apoio
ao historiador Dionisio Pereira fronte a esta agresión ao seu traballo e á
liberdade de expresión e investigación. Como sindicato ao que pertencían boa parte dos represaliados de Cerdedo, e coñecendo en carne propria o sistema de represión do franquismo e a persistente ocultación desa represión en épocas posteriores, esiximos que Dionisio sexa absolto desas acusacións e poida seguir investigando e sacando á luz a nosa historia real, a de tantos e tantos mortos e vivos anónimos que algúns se empeñan en que sigan sufrindo a represión fascista.

Consideramos ademais que a frase denunciada é incluso excesivamente tolerante, xa que sabemos, como parte que somos dos represaliados, que todos os xefes locais de Falange desa época eran non só "presuntos participantes" se non directos organizadores e responsables desa represión.