Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

En lembranza de Manuel Díaz Moreno "Talache"

Queremos lembrar ao compañeiro Talache, falecido hai dous anos na Coruña.

Na maior das discrecións, como viviu toda a vida, finou o pasado mes de agosto o vello compañeiro Manuel Díaz Moreno "Talache", militante da CNT da Coruña. En poucos meses perdéronse dúas testemuñas do que foi o vizoso anarquismo coruñés dos anos da II República, xa que recentemente faleceu tamén Antón Patiño Regueira, autor do imprescindible libro "Memoria de Ferro".

Non tiña "Talache" as cualidades de escritor que posuía Antón Patiño, mais o seu relato daqueles tempos e de todo o período da II República e a guerra civil era o dunha testemuña de primeira man do período. Conversando con el coñecemos os avatares da famosa folga da construcción coruñesa nos anos republicanos e as actividades do CES "Resplandor en el Abismo" do seu barrio da Silva. Lembrounos tamén o golpe militar de 1936 e cómo todo aquel movemento social vencellado ás ideas libertarias foi desaparecendo pola infamia daqueles que non querían perder os seus privilexios.

Aínda que non estivo na famosa fuga do Monte de San Pedro no mes de marzo de 1937, si que tiña información de primeira man deste suceso, xa que o seu irmán Fernando foi un dos tristes protagonistas do suceso: mentres nos arredores do Monte de San Pedro ían achegándose decenas de militantes de esquerda que agardaban o sinal para embarcar nos pesqueiros salvadores, a garda civil ía rodeando a zona e comezaba a caza do home; Fernando Díaz Moreno foi detido con outros militantes de esquerdas que non puideron fuxir do cerco, resultou condenado a morte e foi fusilado nos meses posteriores.

Axudando a fuxidos nos anos da guerra civil e na primeira posguerra, e colaborando coa renacida CNT na segunda metade da década dos 40, "Talache" formou parte da resistencia silenciosa contra a dictadura franquista. Froito das súas actividades foi detido en abril de 1947 no marco dun macro-proceso contra 55 militantes da CNT clandestina na Galiza; en xuño de 1948 foi condenado a dous anos de prisión. Ao saír da cadea estivo emigrado en Inglaterra e cando tivo lugar a súa volta á Coruña participou na reconstrucción da FL da CNT, militando na organización dende os anos 90 até o seu pasamento.

O pasado ano 2004 "Talache" participou en Ferrol nunha xornadas de homenaxe á militancia libertaria e animou a comida de confraternización cantando algunhas cancións; xuntos lembramos os vellos e malos tempos da fame, do "matute" e da represión. Agora "Talache" xa non está con nós mais aínda podemos lembralo cantando aquel himno da folga da construcción:

"Por culpa de un señor en Coruña
una gran huelga se planteó
por la jornada de las seis horas
salió el ramo de la construcción.
Los obreros firmes en sus puestos,
no cedían un paso atrás,
como hermanos estaban luchando,
con las esperanzas de ganar.
El señor como era tan terco
la razón no la quería ver
y le dice a los demás patronos
los obreros tienen que ceder.
Y para sembrarles el alma,
entre el ramo de la construcción,
de la aldea traen esquiroles,
que trabajen para dicho señor".

A Coruña de hoxendía xa non é rebelde nin reivindicativa, mais grazas a "Talache" e persoas coma el, aínda chegaron a nós anacos da memoria daqueles tempos de loita e esperanzas. Eles foron, eles son, eles serán... o resplandor no abismo.

Texto tomado de www.unionlibertaria.org