Enquisa HostaleríaDigna

Cerdedo : outra volta de porca

Compañeir@s:
O Pleno do Concello de Cerdedo decidira por unanimidade no mes de Abril retirar a placa dunha rúa adicada ao que foi alcalde franquista, xefe local de Falange e falangista destacado xa dende os primeiros intres do golpe militar, Manuel Gutiérrez, presuntamente implicado ademáis na represión producida en Cerdedo no verán de 1936.

Hai unha semana, tras unha campaña de varios parientes do devandito alcalde recollendo sinaturas contra esta decisión, o grupo de goberno do PP presentou unha moción de voz no pleno municipal para revocar o anterior acordo, xustificándoo en que o tal Gutiérrez fora bo cos pobres, fixera unha chea de fontes e camiños, e, ademáis, había que mudar o acordo para evitar conflitos entre veciños, pois se a placa se retiraba, seica 40 persoas ameazaran ir aos plenos e esnaquizar o local.

En realidade, tan só apareceron polo pleno 2 persoas, pero o PP, coa oposición do BNG e a inconcebible abstención do PSOE, revocou o acordo de Abril e a placa continuará onde está.
A Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes "Verbo Xido" elaborou un escrito (ver arquivo adxunto) que foi publicado hoxe, 27/12/2006, na edición do Deza-Tabeirós do Faro de Vigo, no que rexeitamos enérxicamente a devandita decisión do grupo de goberno e reafirmamos o noso compromiso para que se retire toda a simboloxía franquista do Concello de Cerdedo. Entendemos, ademáis, que esta decisión non só é vergoñenta, senón que da pulo aos fascistas que xa atentaron contra o monumento en lembranza de dous veciños asasinados na Ponte do Barco-Pedre.
En consecuencia, unha vez máis solicitamos a vosa solidariedade enviando notas de repulsa ao concello de Cerdedo (cerdedo@fegamp.es), ou de adhesión ao Faro de Vigo (aestrada@farodevigo.es).

Saúde

Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes "Verbo Xido"

Facemo-nos eco desta carta recebida pola CNT-Galiza e vos chamamos a que enviedes corresos e faxes aos enderezos reflectidos na mesma.