Enquisa HostaleríaDigna

A garda civil e a homenaxe en Cangas da xente do mar aos mariñeiros asasinados e desaparecidos

O sábado 26 de agosto asistimos á convocatoria da Memoria Histórica en Cangas, vila tristemente sinalada pola dura represión fascista contra os mariñeiros.

Tres barcos da Memoria Histórica acompañados por decenas de embarcacións percorrimos a amarga rota dos homes e mulleres fondeados na ría.

Na viaxe detémonos en lugares simbólicos (Massó, A Guia, Domaio, Meira) onde foron asasinados mariñeiros por mor do delito de desexar unha vida mellor para os da súa clase.

Ceibáronse pombas para amosar, se cadra, "a paz ou liberdade" da que non gozamos ou simbolizando o espírito libre dos desaparecidos. Á chegada destes lugares simbólicos, homenaxeouse o mar cunha ofrenda floral baixo o son das bucinas dos barcos en sinal de dor solidario.

Un acto tan emotivo, tendo en conta que connosco viaxaban represaliados e familiares de represaliados que aínda lembran o medo inculcado polas forzas represivas, foi aldraxadamente interrompido polo seguimento dunha lancha da garda civil que en actitude desafiante sacaba fotografías aos viaxeiros.

Ao rematar o roteiro, voltamos a Cangas e alí fomos ver, por fóra, o Edificio da Lonxa Vella (antigo local, sen devolver aos seus lexítimos propietarios, da Alianza Mariñeira no ano 1936). En tan emblemático lugar, Dionisio Pereira, coa aprobación do aplauso dos presentes, arremeteu contra esta actitude provocadora e ofensiva da garda civil e ademais fixo unha alegación a prol da devolución destes locais aos seus verdadeiros donos.

Nas portas de Alianza Mariñeira, a CNT pousou as súas bandeiras; porque aínda que queiran ocultar a verdade, a nosa organización existe para lembrar que os nosos mariñeiros represaliados están baixo o mar.

S.O.V. CNT de Vigo.