Enquisa HostaleríaDigna

Apontamentos para a memoria histórica

Cando se fala da Memoria Histórica sobreentendemos que a palabra Historia fai referencia á acepción "Narración verídica dun conxunto de feitos ocorridos no pasado humano e que afectan a un país, a unha persoa, a unha cousa concreta ou a toda a humanidade".

A consecuencia poderiamos deducir que tal Memoria Histórica tería en conta, non só como convidado de pedra, a historia verídica e a voz da organización sindical que máis sangue proporcionou ás augas, "cunetas", estradas, cadeas, aos cimiterios, montes... da paisaxe que hoxe se está a sepultar.

Igualmente poderiamos deducir que as vítimas do alzamento militar serían resarcidas xudicialmente (non aparecendo falsamente procesadas), economicamente (devolvendo os patrimonios roubados), moralmente (non tendo que ollar aos culpábeis dos crimes en estatuas e letreiros de rúas),...

Pero, pode ser que certos individuos e organizacións non queiran rememorar os ideais anarcosindicalistas dun movemento obreiro que loitaba, baixo as siglas da CNT, por un cambio radical da historia que non era a continuación da República.

Pode ser que, antes como agora, siga sendo perigoso lembrar que esa organización aínda existe como sindicato de clase que se autoxestiona na solidariedade obreira sen subvencións estatais.

Pode ser que, para calar coas voces molestas ou para obter algún tipo de rédito, estean desenterrando cadáveres co fin de soterralos para sempre.

Ou, podería ser que xulgásemos á lixeira a certos individuos e institucións polo noso descoñecemento da polisemia das palabras. E, simplemente, a sabedoría filolóxica de certos individuos e institucións reflicta unha acepción da palabra historia que conleva outra realidade totalmente antónima á anterior, porque tamén é historia "Narración inventada. Conto".

Din algúns pensadores que a historia é feita polos vencedores.

Tamén din os campesiños que se recolle o que se sementa. E aquí sementouse moito sangue que non tardará en agromar.

S.O.V. CNT de Vigo.