Enquisa HostaleríaDigna

A CNT reúnese co Concello de Compostela para prantexar as súas demandas sobre a turistificación da cidade


  • No marco da campaña iniciada no mes de Maio sobre a precariedade na hostalería, a CNT reuniuse con María Rozas e Miguel Pernas
  • O Concello recolle as demandas da CNT e amósase disposto a manter novas reunións, pero elude compromisos

A maior parte das demandas prantexadas pola CNT están en relación coa situación laboral no sector da hostalería e o comercio na cidade. Entre outras medidas, a CNT prantexa ao Concello que tome medidas dentro das competencias que lle corresponden. En concreto, a CNT pide que determinadas ordenanzas municipais que regulan cuestións como a actividade, o aproveitamento do espazo público ou de axudas municipais, queden vinculadas ao cumprimento da lexislación laboral e ao respecto dos dereitos dos traballadores e as traballadoras e en materia de seguridade social e ao seguimento de pautas de control sindical.

Asimesmo, a CNT reclama a constitución dunha mesa sindical permanente de ámbito municipal desde a que controlar a aplicación destas medidas e desde a que trasladar ao Concello o coñecemento sobre malas prácticas empresariais no tocante ás competencias municipais, e reclamou do Concello un trato máis igualitario entre os distintos modelos sindicais que operan na cidade, posto que o modelo unitario, integrado e pactista atópase sobrerrepresentado mentres que o modelo de implantación practicado pola CNT é continuamente marxinado.

En canto a cuestións urbanísticas, a CNT criticou duramente o novo Plan de Xestión da Cidade Histórica, e reclama un maior peso tanto da veciñanza como da clase traballadora nas análises que levan á elaboración de planos deste tipo, así como nos órganos que deberían controlar o uso do espazo e de actividades tan invasoras como pode chegar a ser o propio turismo, órganos como o mesmo Consello Regulador do Turismo, do que as organizacións sindicais son excluídas no entanto figuran todas as organizacións empresariais.

A CNT reclama un maior control dos alugueiros turísticos, e reclaman do Concello non só o seu rexistro, senón tamén o control da súa propiedade. Tamén se incide na necesidade de elaborar unha análise comparativa de salarios e prezos que permita intervir no proceso de destrución de tecido social e de desarraigamento que se está a producir nas zonas turistificadas.

O Concello tomou nota das demandas prantexadas pola CNT e prometeu estudar a viabilidade da súa aplicación, se ben evitou asumir compromisos concretos.

Desde a CNT coméntase que “continuarán coa denuncia da situación laboral próxima ao escravismo que se está a vivir na cidade de Compostela” e comprométense a “denunciar cada pequena explotación, cada pequeno incumprimento, a defender todos os dereitos que tantas loitas custaron e que hoxe están a ser pisados e desprezados” e anuncian “o desenvolvemento dunha campaña específica sobre os alugueiros e o uso do espazo urbano por parte das empresas privadas culpables desta situación de escravitude”.