Enquisa HostaleríaDigna

A CNT demanda ao GASTROBAR MARTINGALA por despedimento improcedente

 

  • O despedimento prodúcese despois de que o traballador entrase en situación de baixa médica
  • A CNT presenta tamén unha demanda de cantidades por outras débedas económicas

Unha vez máis a hostalería compostelá fornece os peores exemplos de explotación laboral. Neste caso, un traballador foi despedido do Gastrobar Martingala, rexentado polo empresario José Senín Sampaio, ao verse na obriga de acollerse a unha baixa laboral tras sufrir un accidente doméstico. Segundo o sindicato, o empresario despediuno no mesmo momento no que o traballador lle comunicou a baixa, sen o preceptivo preaviso de quince días, sen xustificar de ningunha maneira o despedimento, e sen pagarlle a indemnización que lle correspondería.

Nun sector no que a ausencia dos dereitos laborais máis básicos e o cotián para centos de persoas non sorprende que «os empresarios se sintan donos da vida dos seus empregados, até o punto de permitirse despedir de maneira fulminante a un traballador no momento no que comunica a súa baixa médica», comenta a CNT.

Asimesmo, a CNT tamén presentou unha demanda de cantidades contra a mesma empresa motivada polas débedas que está mantén co traballador despedido, en concepto de vacacións non desfrutadas e diferencias de categoría.

A CNT insiste en que «a hostalaría non pode ser un recuncho onde os dereitos laborais non existan» e que ante a explotación que se vive no sector a única opción é «a organización colectiva e a denuncia pública das empresas que levan a cabo estas ilegalidades e o apoio mutuo da clase obreira».