Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Folga Xeral - Preguntas Frecuentes

O texto contido nesta páxina é unha guía básica.

Descarga a guía completa en PDF

 

1. CANDO SE INICIA E FINALIZA A FOLGA?
2. DEBO AVISAR Á EMPRESA SE VOU FACER FOLGA?
3. PODE A EMPRESA TOMAR REPRESALIAS POLO EXERCICIO DO DEREITO DE FOLGA?
4. QUE PASA SE A EMPRESA INCUMPRE A LEI E TOMA REPRESALIAS?
5. SE ME DESPIDEN OU SANCIONAN, QUE DEBO FACER?

6. PODE A EMPRESA SUBSTITUÍRME NAS MIÑAS FUNCIÓNS?
7. QUE CONSECUENCIAS TEN O EXERCICIO DO DEREITO DE FOLGA NA COTIZACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL E NA MIÑA RETRIBUCIÓN SALARIAL?
8. DEBO CUMPRIR OS SERVIZOS MÍNIMOS?
9. PODO FACER FOLGA EN PERÍODO DE PROBA?
10. TEÑO DEREITO Á FOLGA DE SON AUTÓNOMA OU ECONÓMICAMENTE DEPENDENTE?
11. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON FALSA AUTÓNOMA?
12. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON SOCIA TRABALLADORA DUNHA COOPERATIVA DE TRABALLO ASOCIADO?
13. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON EMPREGADA DO FOGAR?
14. ESTOU PROTEXIDA FRONTE A REPRESALIAS SE SON EMPREGADA DO FOGAR NA MESMA MEDIDA QUE O RESTO DAS TRABALLADORAS?

 

 

1. CANDO SE INICIA E FINALIZA A FOLGA?

→A folga comeza o día 8 ás 00:00 h. e remata ás 24 h. do mesmo día. En caso de réxime de quendas, comezará ao inicio da primeira quenda que inclúa o día 8, aínda que comece o 7, e rematará ao final da última quenda que empece o 8, aínda que remate o 9.

 

2. DEBO AVISAR Á EMPRESA SE VOU FACER FOLGA?

→ Non, en ningún caso. A pregunta da empresa sobre se vas facer folga non ten que ser respostada. En determinados supostos a pregunta pode ser vulneradora do dereito de folga, para o que haberá que estar ao caso concreto (supostos en que se poida entender que o feito de preguntar supón unha coacción, que interfira na vontade de facer folga, etc.). Pero ti nunca estás obrigada a respostar.

 

3. PODE A EMPRESA TOMAR REPRESALIAS POLO EXERCICIO DO DEREITO DE FOLGA?

→ Non. Calquera represalia suporía a nulidade da sanción ou despedimento, ao tratarse do exercicio dun dereito fundamental. Ademais, supón a imposición de sancións administrativas e, en determinados casos, penais.

 

4. QUE PASA SE A EMPRESA INCUMPRE A LEI E TOMA REPRESALIAS?

→ Como en todos os ámbitos laborais, que a empresa teña prohibida a realización de represalias non significa que non as tome. Se toma represalias, especialmente en caso de despedimento, debes acudir ao sindicato. O despedimento será nulo, pero para acreditalo haberá que probar a motivación do mesmo no exercicio do dereito de folga, é dicir, que fuches despedida por ter ido á folga. A empresa intentará utilizar unha causa diferente como pantalla.

 

5. SE ME DESPIDEN OU SANCIONAN, QUE DEBO FACER?

→ NON ASINAR NADA. Asinar un finiquito implica renuncia a accións. Acude inmediatamente ao sindicato porque os prazos son breves.

 

6. PODE A EMPRESA SUBSTITUÍRME NAS MIÑAS FUNCIÓNS?

→ Non. Son ilegais tanto a esquirolaxe externa (empregar traballadoras externas ao centro), interna (suplir ás folguistas mediante cambio de funcións ou de posto de traballo doutras traballadoras) e tecnolóxica (substitución por medios automáticos).

 

7. QUE CONSECUENCIAS TEN O EXERCICIO DO DEREITO DE FOLGA NA COTIZACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL E NA MIÑA RETRIBUCIÓN SALARIAL?

→ Durante a folga non se cotiza á Seguridade Social, polo que se che descontarán das retribucións o día de folga e a parte proporcional das gratificacións extraordinarias. Non se desconta a parte proporcional de vacacións, nin festivos, nin descanso semanal nin plus de asistencia e puntualidade (este último pode ser modulado nos convenios colectivos).

 

8. DEBO CUMPRIR OS SERVIZOS MÍNIMOS?

→ Si. Debes ser escrupulosa no cumprimento de servizos mínimos se es unha das designadas pola empresa para eles. É a empresa a que te informará de tal afectación e do desenvolvemento de tales servizos.

 

9. PODO FACER FOLGA EN PERÍODO DE PROBA?

→ Si. Durante o período de proba tes os mesmos dereitos laborais salvo o libre desestimento. Pero tal desestimento libre ten límites e non pode vulnerar dereitos fundamentais, de modo que o desestimento motivado polo exercicio do dereito de folga é nulo e a empresa tería que readmitirte.

 

10. TEÑO DEREITO Á FOLGA DE SON AUTÓNOMA OU ECONÓMICAMENTE DEPENDENTE?

→ Non. A folga convócase para as traballadoras asalariadas. Iso non significa que non poidas parar, xa que como autónoma tes esa liberdade, pero a relación coas clientas e as súas consecuencias non se ve protexida polo dereito de folga. Terás que analizar a túa situación e o teu contrato.

É certo que existe debate sobre esta cuestión desde o ano 2007, especialmente en relación a autónomas economicamente dependentes, pero, sen descoñecer ese debate, en principio a resposta é negativa.

 

11. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON FALSA AUTÓNOMA?

→ Si e non.

 Si, porque a túa situación como traballadora ven determinada pola subordinación realmente existente e non por un contrato realizado en fraude de lei.

Non, porque en tanto ese contrato non se impugne, es autónoma a todos os efectos, polo que estarías na situación da pregunta anterior, coa particularidade de que a falsidade desta situación impide o exercicio do paro (que non folga) como propio da liberdade da traballadora autónoma, xa que no teu caso tal liberdade non existe na práctica.

Se es falsa autónoma, e decides facer folga e a empresa toma represalias, terás que demostrar nun xuízo, previamente, que realmente es unha falsa autónoma.

 

12. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON SOCIA TRABALLADORA DUNHA COOPERATIVA DE TRABALLO ASOCIADO?

→ Non, porque España incumpre o Convenio da OIT.

 

13. TEÑO DEREITO Á FOLGA SE SON EMPREGADA DO FOGAR?

→ Si, porque o di a OIT. Si, porque se vulnerarían os teus dereitos fundamentais. Si, porque o Real Decreto que regula a relación laboral de carácter especial no seu artigo 7 di: “El trabajador tendrá los derechos y deberes laborales establecidos en el presente real decreto y en los artículos 4 y 5 del Estatuto de los Trabajadores. E o artigo 4.1 ET di: 1. Los trabajadores tienen como derechos básicos, con el contenido y alcance que para cada uno de los mismos disponga su específica normativa, los de: ... e) Huelga”.

 

14. ESTOU PROTEXIDA FRONTE A REPRESALIAS SE SON EMPREGADA DO FOGAR NA MESMA MEDIDA QUE O RESTO DAS TRABALLADORAS?

→ SI E NON. SI SEGUNDO A LEI. NON SEGUNDO A INTERPRETACIÓN QUE FAN DA LEI AS/OS XUÍZAS/ES.

 Así, hai sentenzas que recoñecen que a nulidade do despedimento da traballadora do fogar supón a readmisión con salarios de tramitación: Sentenza núm. 178/2008 de 16 abril (Xulgado 31 de Madrid).

Pero outras sentenzas idearon unha solución para non obrigar ás empregadoras a readmitir a unha muller que non é da súa confianza e que despediu, por exemplo, por estar embarazada: transformar as consecuencias do despedimento nulo en improcedente con salarios de tramitación, a maioría sen recoñecemento de indemnización adicional por vulneración de dereitos fundamentais: Sentenza núm. 493/2010 de 7 setembro (STSX Burgos), entre outras moitas.

Debe terse en conta que a doutrina maioritaria é a segunda e, ademais, a de maior incidencia por ter sido ditada por un Tribunal Superior de Xustiza e non por un xulgado de primeira instancia. Aínda que hai certa seguridade de que isto poida cambiar, tamén sería posible chegar até o Tribunal Constitucional e Estrasburgo en caso dun despedimento neste sector. Pero a día de hoxe esta é a realidade, polo que non se pode deixar de advertir.

En fin, tes dereito pero non protección real, porque España non asinou o Convenio 189 da OIT, porque para España non es unha traballadora e aínda que recoñece o teu dereito á folga non regula o teu dereito a exercelo, porque incluso recoñecido o dereito á folga o ordenamento xurídico non te protexe fronte a un despidedimento, porque España non contempla os teus servizos de coidado como os servizos esenciais para a comunidade que realmente son, porque os sindicatos de concertación seguen pensando que a túa situación non é o suficientemente discriminatoria para convocar unha folga xeral que sexa o primeiro paso para cambiala xa que non tes delegadas unitarias e non aportas subvencións aos sindicatos do modelo representativo.