Prensa obreira

A CNT súmase as reivindicacións no Día Mundial da Saúde Mental

 

Día Mundial da Saúde Mental

Este 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, reivindícase a saúde mental no lugar de traballo. Baixo o lema “traballar sen máscaras, empregar sen barreiras” preténdese reverter os grandes obstáculos á hora de integrarse no mundo laboral das persoas con enfermidade mental, debido, en gran parte, aos prexuízos e estereotipos existentes.

Queremos defender o dereito de calquera persoa a acceder e manter un emprego que aporte unha dignidade, autonomía e calidade de vida; así como a necesidade de que os lugares de traballo sexan lugares saudábeis onde se coide a saúde mental.

En canto á empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental, estímase que só un 15,9% delas traballa, a pesar de ser o segundo grupo máis numeroso de persoas con discapacidade en idade laboral (“El empleo de las personas con discapacidad”. Instituto Nacional de Estadística. 2015).

Denunciamos amplamente esta situación e reivindicamos os seguintes puntos:

  •  O dereito a ter un traballo digno e saudábel.
  •  Non á explotación laboral: o exceso de carga de traballo, a falta de horarios, horas extras e a presión á que se é sometida no posto de traballo non fomentan a saúde mental.
  •  Os abusos de poder por parte de dirixentes (xefas, encargadas, patronal) tales como insultos, berros e desprezos, imposibilitan o benestar no traballo.
  •  Crear un clima de confianza, diálogo e respeto no traballo.
  •  Estabilidade: en contra dos contratos temporais (basura), a saúde mental mellora se existe unha estabilidade e seguridade.
  •  Retribución equitativa: as persoas con enfermidade mental cobran entre 15-20% menos.
  •  Ter nas empresas persoal de guía ou apoio que servan de mediadoras ante conflitos.
  •  Formar e educar as empresas para acadar a eliminación de prexuízos, estereotipos e calquera tipo de discriminación.
  •  Asegurar tódolos traballos: a día de hoxe moitos empregos non son recoñecidos (coma o traballo no fogar).
  •  Recoñecer, por parte da lexislación, coma enfermidades laborais aquelas enfermidades mentais producidas por mor do traballo.
  •  Promover a conciliación laboral e persoal.
  •  Recoñecer á traballadora e fomentar a súa autoestima. É fundamental sentirse cómoda e valorada no traballo.
  •  Respectar os descansos. Non as horas extras.
  •  Promover a participación activa e a toma de decisións da clase traballadora.
  •  Acabar co machismo e todo tipo de fobias nas empresas.
  •  Material axeitado e en boas condicións pra desempeñar o traballo.

Con todo isto, defendemos o dereito de toda persoa con enfermidade mental a ter as mesmas oportunidades laborais e conseguir un emprego digno, motivador e saúdabel.