Prensa obreira

Solidariedade co pobo catalán

O Sindicato da CNT de Compostela queremos facer público o noso posicionamento a favor da autodeterminación do pobo catalán e sobre todo, do seu dereito a expresar os seus posicionamentos politicos e sociais da maneira que consideren, sen obstruccións nen represións por parte de nengún goberno.

Desde o noso talante anarcosindicalista pensamos que a transformación política dentro do mundo capitalista non pode conter todo o noso desexo dunha transformación social onde a autoxestión dos medios de produción e distribución estén en mans das clases traballadoras. É por iso que a nosa loita cotiá non está enfocada cara á creación de novos estados ou iniciativas parlamentarias.

Aínda así non podemos estar mirando cara a outro lado cando as iniciativas por autoderminarse en clave de progreso, expresadas de forma natural e transparente, son atacadas e represaliadas por parte de calquera Estado, que neste caso sacouse a careta para revelar o seu auténtico carácter autoritario e franquista como xa insinuara noutros momentos (reformas laborais, rescates bancarios, escándalos de corrupción, recortes na sanidade, desafiuzamentos algunhas das cales apoiadas polo Goberno da Generalitat).

A CNT de Compostela quere saudar a actitude desobediente contra un aparello estatal ditatorial, discriminador e reaccionario e quere mostrar o máis profundo rexeitamento contra a represión e contra quen a exerza contra un pobo que se expresa libremente.

As mulleres e os homes da CNT serán unha forza máis en defensa dos seus veciños e veciñas se así necesita, como non pode ser doutra forma nunha organización anarcosindicalista e por tanto revolucionaría. É así que, coa consciencia inquebrantábel de non ser forza de choque de ningún estato ou goberno, poñémonos a disposición de calquera proceso revolucionario de transformación social, pero tamén da defensa absoluta e incondicional das liberdades públicas que tantas loitas, tanta dor e tanto sangue custou á clase traballadora. Polo tanto e de maneira inmediata chamamos á nosa filiación a participar en cantas mobilizacións e mostras de solidariedade co povo catalán se convoquen nos vindeiros días.