Prensa obreira

CNT demanda á AMTEGA por vulneración de dereitos

AMTEGA

  • Demándase polo incumprimento reiterado das sentenzas xudiciais que obrigaron á reincorporación dun traballador informático afiliado a CNT
  • Requírese ao Ministerio Fiscal para identificar á persoa responsable así como as posibles responsabilidades penais de Jose Luis Somoza e Mar Pereira, Xerente e Directora da Amtega respectivamente

CNT ven de presentar demanda no xulgados contra a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia) en materia de vulneración de dereitos polos reiterados incumprimentos de sentenzas condenatorias en relación á readmisión dun traballador informático afiliado a este sindicato.

O traballador obtivo sentenza favorable do Tribunal Superior de Xustiza en maio de 2015, negándose a Amtega á súa reincorporación ata o 1 de setembro de 2016 cando a execución de sentenza nos xulgados de Compostela propiciou que se reincorporara ao traballo. En marzo de 2017 o Tribunal Supremo resolveu favorablemente para o traballador.

Pasados máis de 2 anos desde a sentenza que obrigaba ao pago dos salarios deixados de percibir, tras confirmarse este extremo na execución de sentenza sen que a Amtega recorrese, e toda vez que xa adquiriu firmeza a reincorporación, o traballador continúa a día de hoxe, sen que se lle abonen os salarios adebedados durante o tempo de despido así como os xuros de demora correspondentes.

CNT presenta demanda para o inmediato abono ao traballador dos salarios deixados de percibir durante o tempo de despido, así como os xuros que correspondan e a condena en costas. Pídese tamén que se condene á Amtega ao pago dunha indemnización adicional de 6.500 euros polos danos causados e a imposición de multas coercitivas namentres non se cumpra o ordeado.

Na demanda presentada solicitase ademáis a identificación da persoa funcionaria responsable da non execución da sentenza para que se deduza testemuña ao Ministerio Fiscal, así como as posibles respondabilidades penais de Jose Luis Somoza e Mar Pereira, Xerente e Directora da Amtega respectivamente. Concretamente, por posibles delictos de prevaricación administrativa, desobediencia e administración desleal na medida en que as actuacións realizadas supoñan un detrimento do patrimonio público.

Para CNT trátase de "un auténtico escándalo que a Xunta non respecte as sentenzas xudiciais" que fai preciso que "se depuren as responsabilidades pertinentes e a reparación dos perxuízos causados".

 

Sección Sindical de CNT na Xunta de Galicia
sindicato-cnt@xunta.es // galiza@cntgaliza.org
www.cntgaliza.org/?q=xunta