Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Se non é feminista non é a miña revolución

8 marzo cnt

Un ano máis, un día máis, unha data máis, unha máis das miles de efemérides que asolagan o calendario. Porén este non é un día calquera. É o día no que as mulleres deixamos de ocupar titulares como vítimas da violencia de xénero para pasar a sermos as heroínas da xornada, sempre co engadido do “aínda hai moito que facer”.

Case con toda seguridade unha das mulleres que este día bañe de violeta as súas redes sociais leve máis de oito horas de xornada laboral, rematou as tarefas da súa casa sen descoidar os cativos e quizais con sorte tivese tempo para dedicar uns minutos ao seu coidado persoal, máis por obriga que por devoción. Preocupada por unha imaxe que xa non lembra a quen lle importa máis, se a ela ou a un sistema que se empeña en estigmatizarnos se non nos acicalamos.

Ou quizais esa muller aínda non volveu do traballo, prendeu un lazo violeta na chaqueta de executiva e volveu refacer o informe que deberá presentar sen falla a primeira hora do día seguinte, intentando non sentirse frustrada e incompleta nunha sociedade que a obriga a escoller entre realización persoal e laboral. Unha muller que hai moito tempo que entendeu que a chamada “conciliación” é un termo aplicable só ao universo femenino.

Pode ser que esa muller estea terminando de recoller os seus fillos na escola mentres lembra os anos en que podía traballar, cando aínda non renunciara a todo pola súa maternidade. Séntese culpable cada vez que pensa en liberarse de cando en vez dos seus fillos e mergúllase nun universo de ansiedade e depresión porque non entende a orixe do seu malestar, porque ser nai non é a panacea que lle venderan; en definitiva, porque xa non lembra quen é ela na realidade.

E ficamos alleas ao feito de que seguimos cobrando menos por desempeñar o mesmo traballo que os homes, que seguimos sen termos acceso aos chamados postos de responsabilidade, na maioría dos casos encadeadas por unha autoimposta tarefa de coidados, que seguimos sendo as que, nunha alta percentaxe, non se reintegran ao seu posto laboral tras a maternidade, sen opción a prazas en gardarías públicas, practicamente suprimidas. Seguimos a ser as culpables de violacións e vexacións, abocadas a non saír á rúa sen escolta masculina, a risco de provocar. Inundamos facultades e escolas superiores, desoladas polo incremento do paro feminino, moi superior ao masculino.

As mulleres, principais vítimas da crise dun sistema en decadencia, facemos nosa a palabra SORORIDADE e reivindicamos a loita contra o patriarcado e o capital, empeñadas en facer ver que unha revolución que non conte con nós nas súas filas está destinada ao fracaso. Por nós, pola nosa dignidade como mulleres, como traballadoras, contra o patriarcado, facede voso o berro: Viva o 8 de Marzo!