8M: folga xeral feminista

Todo fica atado e ben atado. A respeito do anteproxecto de lei de Memória Histórica.

http://www.cntgaliza.org/files/memoria.jpg Sabemos que as leis favorecen a perpetuación do sistema capitalista que sufrimos. Sabemos que quen fai a lei, fai a trampa, e que as leis serven tamén para dar apariéncia de cámbio, de mudanza da situación para, ao final, que todo continue igual.

Sabemos que o importante dunha lei é o seu posterior desenvolvemento e aplicación para que non se convirta en papel mollado, como eses famosos dereitos “ao traballo” e a “unha vivenda digna”.

Sabemos que non hai posibilidade de construir algo senon se teñen cimentacións fortes e, no caso que nos ocupa, non é posíbel levantar nada sobre o esquecemento e/ou a manipulación e sen que se faga xustiza e se honre ás persoas mortas.
Sabiamos que non se podia agardar grande cousa da Lei da Memória Histórica que o Governo do PSOE de Zapatero estaba xestando e xestando, retrasando a súa aparición, unha e outra vez, limando o texto pero sen perder de vista a rendabilidade política que lle pode dar.

O anteproxecto de Lei comeza cunha gabanza do periodo histórico da Transición Política en España (cando o PCE mudou de partido republicano a partido monárquico da noite para a mañán) e non menciona nen unha soa vez o golpe de estado de xullo de 1936. Pero, a mayores, non segue as normas internacionais de dereitos humanos pois traslada a responsabilidade do Estado ás asociacións e particulares (que recibirian subvencións para localizar e exhumar as máis de 800 fosas comúns espalladas pola parte da Península Ibérica que chaman España), propoñendo meras medidas de carácter asistencial cando non de simples
recomendacións.

Este anteproxecto de lei do PSOE non anula as senténcias franquistas senón que equipara vítimas e verdugos (“cualquiera que fuera el bando”, art. 2) e ademáis opta pola tática de “divide e vencerás” cando propón a posibilidade de obter unha “declaración de reparación y reconocimiento personal” (art. 4) que INDIVIDUALMENTE deberá ser solicitada á Comisión Interministerial para que, a través do seu Consello, resolva o caso publicando-o no BOE. En definitiva, isto ven sendo algo moi semellante ás “solicitudes de depuración del expediente” que durante o franquismo realizaron os Xulgados de Revisións do Ministerio de Educación Nacional cara á habilitación de mestres represaliados tralo triunfo das tropas franquistas.

Para rizar o rizo, hai un ano de prazo para apresentar as solicitudes con toda a documentación pertinente, documentación espallada por diferentes arquitos e solicitudes que de nengún xeito servirán “para que se reconozca cualquier tipo de responsabilidad patrimonial del Estado” (art. 7.2). Aos progresistas do PSOE non se lles pasou pola cabeza crear unha oficina de información sobre os desaparecidos nen unha Fiscalia especial que obrigase ás diferentes administracións públicas a facilitar copias dos documentos que custódian.

No eido das compensacións económicas para as vítimas cumpre aclarar que se apresentan como novas ou como ampliación das xa existentes e baixo o guardachuvas das medidas puntuais e restritivas que buscan que as devanditas compensacións económicas sexan froito non do recoñecemento da condición de vítima, senón como unha simple concesión administrativa, como un favor, como un favor caprichoso da Administración para coas vítimas que, en todo caso, non poderán saber os nomes dos responsábeis de tanta barbarie e tanta dor, xa que o artigo 7.3 impide facer públicos os nomes dos responsábeis da represión cando a normativa vixente sobre o segredo documental alcanza os 50 anos.

A CNT pregunta-se: E a devolución do patrimonio incautado a particulares e organizacións? O de CNT está valorado en 150 millóns de euros -falamos de valoracións oficiais, non de alucinacións organizativas- dos que a nosa organización tan só recebeu unha ridícula porcentaxe. Pola contra, a UXT, sindicato máis dócil, máis governamental, máis integrado e máis chupón- recebeu miles de millóns das antigas pesetas.

E do recoñecemento e da compensación aos guerrilleiros antifranquistas, qué se sabe? E do recoñecemento e compensación das persoas asesinadas pola polícia ou polas bandas de extrema dereita até os anos 80 do pasado século, qué se sabe? E da compensación que Estado e empresas deberian dar ás persoas que traballaron en cuasi réxime de escravitude durante os anos da imediata postguerra, qué se sabe?

Pero onde o cinismo progresista e socialdemócrata chega á superación é na xustificación de acudir en exclusiva á memória individual e familiar negando a memória colectiva, que é tildada de “supuesta memoria” na exposición de motivos do devandito anteproyecto de lei. Resulta unha tomadura de pelo que o lexislador renúncie a implantar, segundo él mesmo dí, unha “determinada memoria histórica” cando non se trata diso senón de trasladar á sociedade e en especial ás crianzas unha necesária reflexión sobre a represión franquista que se cebou nos seus avós e nas súas avoas. Curioso que o lexislador, o PSOE neste caso, renúncie a implantar “una determinada memoria histórica” cando non fai o mesmo á hora de implantar conceptos tan artificiais como “Patria”, “Nación” ou “España”.

Se algo ten de bon este anteproxecto de lei é que amosa con claridade que continua en vigor o modelo da Transición Política.