Na mudanza que a nivel mundial se está a producir e que leva o nome de Neoliberalismo e Mundialización, este País non podía ficar fóra.
Coas suas particularidades, coa sua história, cos seus recursos. A queima incontrolada do monte en Galiza, os lumes terroristas que prenderon os catro pontos cardinais do País teñen unhas orixes diversas mais hai algo que non se nos escapa: hai intereses inmobiliarios. Haberá que seguir as pegadas dos grandes grupos construtores galegos e non tan galegos para ver en que remata a xogada incendiária.
Poderiamos continuar enumerando un por un os que para nós son as causas dos lumes e coincidirían con outras análises. A CNT quere oferecer unha análise social do fenómeno que comeza por dicer que outro aproveitamento do monte é posíbel… se
non estiveramos inmersos no sistema capitalista en mudanda neoliberal e mundializadora.
Un mellor e sensato aproveitamento do monte galego bate contra a lóxica capitalista do enriquecemento rápido-máis eucalipto, máis pino, maís campo de golf, máis urbanizacións-e bate tamén, en moitas ocasións, contra a extendida mentalidade depredadora de parte da cidadanía galega que quere cartos axiña sen lle importar a Terra ou a Ría, que veña outro Prestige (lembrades?), que vaian ao fondo da rías as cordas das bateas apodrecendo o Mar e matando a Vida de xeito insensato, que veña o ruin eucalipto porén acabemos coa cativa capa de terra vexetal da Galiza.
Ou mudamos nós mesmos, ou non mudará nada. Ou mudamos de mentalidade e nos convertemos en cidadáns e asumimos responsabilidades civís, ou o País vai a pique, con governo de Progreso ou de Regreso. Se continuamos a considerar o monte, a ria, o mar, a paisaxe como “beneficio”, estamos perdidos porque non haberá máis “beneficio” que o que nos dá o sistema capitalista, que non é outro que a esquilmación dos recursos naturais, a ser posíbel alleos e baratos, na procura dun aumento das contas correntes, das plusvalías, dos “beneficios” do Capital… no entanto acó embaixo o povo fica sen nada, sen mar, sen ría, sen monte, sen bicherío ningun, sen poboación no rural. Quén raio vai ficar en Cerdedo, por exemplo, ou quén raio vai ir viver alá sen non hai nada, nen árbores, nen gando, nen cultivos, nen rios limpos?
Antes de ser unha estrutura política, un País, calquer país, precisa dunha cidadanía. E aquí esa tribo resulta escasa e rara. Así son as cousas. E un País necesitaria, xa que temos que apandar con eles, que os que se chaman governantes sexan xentiña preparada e aplicada en algo máis que na política de auto-bombo e de auto-complacencia, incapaz que asume como grande descubremento que a política do PP é a causa dos lumes de hoxe. Vale. O ano que ven repetiremos a mesma cantinela? E no 2008, outravolta? Cando veña outra desgraza, (que virá, perdan coidado), repetirán o mesmo?
Os políticos estes nosos non están à altura das xentes. O que emociona, o que realmente nos fai grandes como Povo é a solidariedade que desde embaixo, outravolta, está a manifestar a xente do País; e tamén a solidariedade que amosan con Galiza brigadas de bombeiros lusos e españois, igual que as brigadas contra-lumes da Galiza, infatigábeis traballadores e traballadoras nunha Terra que leva camiño de se converter en penedo puro.
Ou mudamos nós mesmos para mudar de sistema económico, ou imos cara o precipicio.






