Prensa obreira

Mesa aberta "Acción Libertaria"

A cargo de Eliseo Fernández e Carlos Taibo

Xoves 24 de abril ás 18:00h

Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (Avda. García Barbón, nº 5)

 

A CNT-AIT Vigo e A Ría Non Se Vende, rede de colectivos de acción social e defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da Ría de Vigo, únense para presentar conxuntamente unha mesa aberta con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e autor de Repensar la anarquía. Acción directa, autonomía, autogestión e, Eliseo Fernández, historiador e escritor ferrolán diplomado en biblioteconomía e documentación e especializado en anarquismo e movemento obreiro na Galiza.

Así, esta mesa aberta é un convite para realizarmos un paseo a través das ideas libertarias, retrotraernos no tempo e explorar a historia ácrata e obreira de Vigo: dende a fundación da propia Escola de Artes e Oficios, pasando por revistas e xornais como "La Propaganda" (1881) ou "Despertad!" (1928) até chegar a activistas incansables como o topógrafo Ricardo Mella, os carpinteiros José Villaverde e Eduardo Collado, o barbeiro Federico Sánchez ou o poeta Manoel Antonio. Mais, se ben cómpre coñecermos a historia, tamén é necesario enfrontarse ao presente e abordar as problemáticas actuais. De aí que, neste noso presente, optemos por defender o Ideario Libertario e o Decrecemento como única solución para lograr establecer unha relación de equilibrio entre as propias persoas e entre o ser humano e a natureza. Porque, en realidade, iso é o que busca o movemento libertario: a harmonía, liberdade e coherencia individual que leve ás persoas cara ao apoio mutuo, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza social e a preservación e uso racional dos recursos naturais.