Unha vez máis, un ano máis, asistimos con desesperación á queima descontrolada do monte na Galiza. Unha vez máis terroristas meio-ambientais levan a cabo un ecocídio que se repite constantemente na Nosa Terra. Os galegos e as galegas estamos fartos de ver como se destrue repetidamente este País en nome dos intereses do Capital galego e de fóra.
Milleiros de hectáreas de montes están a arder a dia de hoxe. Milleiros levan ardido. Desesperación nos veciños e veciñas que quedaron sen casa, sen o monte que amaban, que quedaron abandoados unha vez máis e tiveron que facer frente ao lume que ia devorar as suas vilas, deixados á sua sorte ante a escasez de méios con que as “autoridades” afrontan a situación. Como sempre nestes casos.
Desde a CNT denunciamos que o lume continuado nos montes é un acto terrorista perpetrado polo Estado e o Capital.
Denunciamos como culpábeis aos governos da Xunta, ao actual e aos que o precederon, pola sua nula política de prevención dos incéndios, pola sua escasísima inversión en coidar os montes durante o ano, polos escasos méios con que conta para apagar os lumes, pola precariedade na que teñen que traballar os compañeiros e compañeiras das cuadrillas de extinción: sen medidas de seguridade mínimas (xa logo chorarán os mortos e nomeara-nos herois), con xornadas extenuantes pola falta de persoal e con contratos de fixos-discontinuos.
Denunciamos a todos os governos da Galiza, destronados e entronizados, porque estamos fartos e fartas de ver como o monte é un mapa que arde segundo intereses políticos, oposicións descontentas ou alcaldes caciques. Estamos bastante fartos de comprobar que o monte arde menos se o verán é húmido e chove pero non grazas ás medidas tomadas previamente polos governantes.
Denunciamos ao Capital e ao Estado no seu conxunto, causantes da deriva da economía da Galiza cara unha “terciarización” que levou ao abandono masivo do rural; que están sistemáticamente empeñados en obter cartos enladrillando montes e praias; que fixo da enerxia eléctrica unha mercadoria.
Denunciamos ás indústrias da madeira, principalísimas responsábeis da queima do monte, pola desfeita ecolóxica que significou a plantación masiva de eucaliptos e piñeiros, factores de sumo risco de incéndios.
Denunciamos as empresas constructoras, principáis interesadas na queima do monte no litoral, zona na que este ano ardeu como nunca antes. En breve ha comezar a construcción de urbanizacións que serán o ponto e final, a morte do litoral, como xa fixeron estes depredadores en Levante e Andalucia.
Denunciamos as empresas eléctricas como culpáveis do abandono no que teñen as suas liñas de cableado, e polo estabelecemento masivo de parques eólicos (a desertización ocasionada por estes parques é un factor a ter en conta) e o seu interese en que desapareza a maior masa arbórea posíbel, pois resta forza ao vento e diminue a sua sobre-producción eléctrica, sobre-producción destinada na sua maior parte á exportación.
Denunciamos, en fin, a todos os governos da Galiza, que cobran e cobraron as prebendas, os tantos por cento do empresariado ruín, as ocultas comisións para as caixas dos partidos, que fixeron favores fiscais e mimaron e abrazaron a este empresariado rapaz e analfabeto.
Desde a CNT vemos que este non é un problema eventual. Vemos que é unha situación que se repite ano a ano (cantos anos pode durar, cánto monte queda por queimar?), que vai a máis e non varia con aparentes cámbios de poder. Vemos que é un problema estrutural, que non se soluciona con parches, que é un problema do sistema capitalista depredador, que só ten solución cun cámbio radical do sistema que rache cos intereses do Capital en beneficio da cidadanía e das xentes do común que tamén deben coidar o seu País e abandoar a actitude suicida con que nos comportamos, a veces, até con ledícia. Se non temos consciéncia de que a Terra é nosa e que somos nós os responsábeis de que se manteña viva, non hai País posíbel, non hai cidadanía consciente e non hai nada de nada, so cipaios e escravos dos intereses do Capital e do Estado.






