Prensa obreira

Primeiras declaracións ante a xustiza arxentina sobre vítimas libertarias da Galiza

O pasado día 11 de marzo tivo lugar na Coruña, na casa-museo de Casares Quiroga, a toma de declaración ante a xustiza arxentina a varias persoas e colectivos memorialistas que presentaron denuncia na querela aberta nese Estado en 2010 en nome das vítimas da represión franquista que xa non poden defenderse.Acto querela arxentina

Por primeira vez no estado español, o sistema utilizado para a toma de declaracións non foi o habitual a través de videoconferencia, senón que foi mediante a presenza dunha delegación directa da xustiza arxentina, na persoa do cónsul arxentino en Galiza, que recibiu a documentación achegada dende as diversas denuncias e escoitou de viva voz as demandas presentadas de man dos propios querelantes.

Entre estas denuncias, constaban os casos de sete militantes da CNT. Eis o caso de Leopoldo Fraguela, militante da CNT clandestina coruñesa nos anos 40, detido e torturado en repetidas ocasións, cuxo caso presentou a súa filla xa anciá; o de Enrique Navarret, paseado e asasinado dende Becerreá e de militancia libertaria non confirmada; os de Andrés Vale, de Viveiro, e Florencio Novogil, de Ribadeo, ambos asasinados durante a guerra e enterrados en Mondoñedo na mesma fosa común que no caso de Enrique Navarret, e cuxa denuncia presentou a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Cabe salientar o tráxico caso da familia Montes, da que Manuel Montes, un dos fundadores e cadro do "Despertar Marítimo" da Coruña, e o seu fillo Carlos, foron asasinados no seu domicilio coruñés polo "crime" da solidariedade, ao ter organizado as fugas por mar de ducias de compañeiros, e dos que seguimos sen saber onde se atopan os seus restos, así coma doutro fillo de Manuel, Antolín, militante na clandestinidade durante a ditadura e que foi apresado e torturado en diversas ocasións. A denuncia presentárona dúas fillas de Antolín, que forman parte dunha terceira xeración de militantes libertarias, demostrando que as ideas non morren por moito que se tente eliminalas.

Dende o Grupo de Traballo de Memoria Histórica de CNT Galiza quixemos estar presentes neste acto para apoiar ás familias dos compañeiros represaliados e seguiremos a facelo por esta vía e todas as que sexan precisas ata que se faga xustiza á memoria da loita de tantos compañeiros e compañeiras que nunca serán esquecidos.