Prensa obreira

Visita do relator da ONU Pablo de Greiff a Compostela

Visita do relator da ONU Pablo de Greiff a CompostelaO pasado día 29 de xaneiro tivo lugar en Compostela unha visita de Pablo de Greiff, relator para a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU. O obxectivo desta visita, ao igual que outras tres previas celebradas en distintos puntos do territorio estatal (Madrid, Sevilla e Barcelona), era celebrar reunións do relator con colectivos memorialistas, vítimas do franquismo e familiares das mesmas para escoitar as súas reivindicacións de reparación e xustiza.

A reunión de Compostela tivo lugar ás 19.00 no hotel AC Palacio del Carmen con máis dunha trintena de asistentes, entre eles dous membros do Grupo de Traballo de Memoria Histórica de CNT Galiza. Aos testemuños de familiares e vítimas sumáronse as demandas dos distintos asistentes, salientando a importancia de anular a Lei de Amnistía de 1977 para conseguir o xulgamento dos crimes franquistas e informando das numerosas trabas interpostas polo poder para que isto sexa posible.

Dende a CNT, insistimos na necesidade de rematar co continuísmo fascista existente tras o fin da ditadura, que se ben seguimos a vivilo día a día nas rúas e a través das distintas políticas gobernamentais, no tocante á memoria histórica evidénciase nas dificultades de familias e investigadoras para acceder á documentación e na protección xudicial aos represores, por contra da desprotección coa que topan as vítimas, o que non é máis que unha nova evidencia dos intereses do poder e de a quen protexe. Eis o caso do estatuto de vítimas de ETA que tentan elaborar dende o goberno, namentres milleiros de vítimas do franquismo levan décadas, demasiadas, sen ver recoñecidos os seus dereitos. Ou no caso da denuncia contra o historiador Dionisio Pereira presentada por familiares dun antigo dirixente de Falange no concello de Cerdedo, demanda que si atendeu a xustiza do Estado, mentres ignorou durante anos as demandas das familias de militantes libertarios asasinados por orde deste fascista.

Por todo isto, dende a CNT esiximos a anulación da Lei de Amnistía de 1977, froito do pacto entre as elites de poder franquistas e as novas elites da socialdemocracia burguesa e que supuxo a impunidade e continuísmo do fascismo no Estado español ata a actualidade. En consecuencia, consideramos que o xulgamento sobre os crimes do fascismo franquista non debe deterse en 1977, pois a súa represión seguiu funcionando, con especial saña contra o movemento libertario, e reiterándose nas súas habituais prácticas de detención política, torturas, encarceramentos e asasinatos en datas posteriores á mal chamada "transición democrática". Tamén consideramos fundamental e impostergable a condena absoluta da ideoloxía fascista e a retirada de todos os seus símbolos aínda presentes no espazo político e social, tanto na Galiza como no resto do Estado español, pois o mantemento desta ideoloxía dentro da legalidade, ben lonxe de garantir a non repetición, achéganos cada día máis a que volva suceder unha debacle próxima á do franquismo, nun escenario no que a ideoloxía de ultradereita se medra ao dispoñer de todo o aparato de poder, co que reprime calquera disidencia a través do terrorismo de estado. Esiximos, ademais, que se devolva á CNT o seu patrimonio documental roubado, aínda hoxe en mans do Estado, e pedimos para as vítimas, libertarias e de calquera outro signo, o recoñecemento e xulgamento dos graves crimes cometidos sobre as súas persoas e a devolución dos seus restos aos seus familiares, co obxectivo de restituírlles a súa dignidade.

Da información achegada en todas estas reunións, Pablo de Greiff presentará un informe, que se fará público no vindeiro mes de setembro, cos resultados da súa pesquisa e recomendacións ao goberno español para rematar con esta situación de desamparo e impunidade. De todos os xeitos, sería inxenuo agardar da ONU máis que recomendacións; a loita para mudar esta situación só ten un percorrido: o da mobilización da sociedade.

 

Grupo de Traballo de Memoria Histórica de CNT Galiza
memoriahistorica@cntgaliza.org