Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Valoración das asembleas na Xunta de Galicia

Sección sindical de CNT na Xunta de Galicia

Desde a Sección Sindical de CNT na Xunta de Galicia queremos poñer en coñecemento a nosa valoración do recente proceso asembleario que se ven de poñer en marcha por parte dos órganos de representación dos traballadores/as da Xunta de Galicia (Xunta de Persoal e Comité de Empresa) para artellar a protesta dos traballadores/as públicos ante unha previsible nova perda de poder adquisitivo para este 2014.

Como non podía ser de outra maneira, desde esta Sección Sindical de CNT, posicionámonos inequívocamente a favor das asembleas de traballadores/as e pensamos que este é o único camiño para poder facer fronte de maneira efectiva aos ataques do Poder. Así, valoramos positivamente que os órganos de representación se decidan a ter en conta aos traballadores/as que representan.

Tamén nos parece axeitada a extensión das asembleas a outros centros de traballo (p.e. Área Central en Compostela) e a inclusión no modus operandi das asembleas dalgunha das recomendacións que vimos facendo desde esta Sección Sindical de CNT como é que se voten as propostas ou que se avise cunha certa antelación da convocatoria. Neste sentido, seguimos botando en falta: unha orde do dia, un sistema de votación por ampla maioría, a creación de grupos de traballo que desenvolvan as propostas, a vinculación dos acordos para os órganos de representación, o coñecer cando será a vindeira asemblea ou a publicación das actas ou o mecanismo de decisión cando algo se decida entre varias asembleas… en fin, todas estas cousas que facilitarían o transcorrer das asembleas e mellorarían a transparencia e comunicación de cara a tod@s os traballadores/as.

Amais, en contra da opinión xeralizada, desde a Sección de CNT vemos positivo o número de participantes nas asembleas realizadas neste novo curso. Certo é que podiamos ser bastantes máis, pero nos pensamos que vista a operatividade en anteriores asembleas e os resultados obtidos non nos podemos queixar. Pensamos, ademáis, que é unha boa oportunidade para ir incrementando o número de participantes nas vindeiras asembleas e actos, en contra do visto ata o de agora onde de cada vez acudiamos menos traballadores/as.

Queremos comentar tamén un dos aspectos do falado nas asembleas polos delegados sindicais dos órganos de representación e que nos parece que afecta directamente ao artellamento dunha protesta masiva e seria por parte dos empregad@s públicos.

Sen dúbida o aspecto máis criticable, e que vemos como se repite constantemente nas últimas asembleas de traballadores/as da Xunta, é que mentres por un lado se tenta dar a imaxe de que importa o que propoñamos e decidamos os traballadores/as, todo se cociña realmente nos despachos... vamos que a protesta non a decidimos nos, non só por non ter claro como se deciden as cousas, se non porque todo o calendario está xa elaborado polas cúpulas das centrais sindicais maioritarias… explicámonos por se alguén ten algunha dúbida de como se ven artellando a protesta na Xunta:

A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos aglutina unha serie de sindicatos do sector público, entre os cales se atopan as 4 centrais maioritarias: CCOO, UGT, CIG e CSIF que manexan dita Plataforma segundo os seus intereses. Así, desde as cúpulas sindicais destos sindicatos páctase un calendario de mobilizacións que, por suposto, asume a Plataforma (ver o resumo da última reunión da Plataforma en:
http://cgtxunta.blogspot.com.es/2013/09/reunion-da-plataforma-en-defensa-dos.html).
A continuación, celébranse as asembleas de traballadores nos centros de traballo onde se vai filtrando aos poucos cal será a estratexia a seguir sendo, con sorte, ratificados os actos da Plataforma, convenientemente “vendidos” como os actos de tod@s… finalmente os traballadores/as somos a comparsa dos actos pensados e decididos polas cúpulas sindicais.

Para a Sección de CNT este segue sendo un modelo inasumible, claramente dirixista, que non lle da importancia ningunha aos traballadores/as e que demostra unha e outra vez a súa inutilidade. Nos pensamos que as propostas deben levarse ás asembleas para ser decididas de verdade e non utilizar ditas asembleas para que todos lle fagamos o “caldo gordo” aos sindicatos maioritarios que teñen os seus propios intereses.

Nesta liña de pensamento e reflexión é na que se moven as loitas de hoxe en dia nas chamadas “mareas”, tantas veces nomeadas nas nosas asembleas e que realmente son algo máis que levar tod@s a mesma camiseta. Estas mareas son baseadas no funcionamento horizontal e na autoxestión, no fortalecemento das asembleas e no empoderamento dos traballadores/as.

Para os compañeiros/as que desexen ampliar o coñecemento sobre este xeito distinto de protestar achegamos un par de enlaces relativos á Asemblea de Docentes de Baleares que mantivo ata a semana pasada unha folga indefinida no ensino balear (de lectura obrigatoria se xa liches algo do tema na prensa convencional):

Entrevista a un docente en folga:  http://www.alasbarricadas.org/noticias/node/26383
A Asemblea de Docentes ensínanos o camiño: http://www.alasbarricadas.org/noticias/node/26396 .

Antes de rematar, e aparte do central problema da organización e a toma de decisións, para nos condición sine qua non, queremos reflexionar brevemente sobre o discurso empregado nas últimas protestas. Así, basear as reivindicacións dos empregad@s públicos da Xunta no agravio comparativo cos funcionarios do estado a quen se “só lles conxela” o soldo resulta pueril e impropio de organizacións que se din de clase. Non teremos nos suficientes motivos para protestar (todo o recorte de salario e condicións laborais dos últimos anos) sen ter que andar a compararnos con outros compas que están protestando polo seu? Non sería máis efectiva unha loita de tod@s que dividirnos nos mesmos? Non son precisamente os agravios comparativos os que se empregan normalmente para atacar a funcionariado e que tanto nos molestan a nos?

Para finalizar, como se adoita dicir: “o que algo quere algo lle custa”, facer un chamado a reflexionar sobre a nosa propia aportación particular a esta loita de tod@s… non é sinxelo, non hai fórmulas máxicas pero compañeir@, XUNT@S podemos!!