Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

O sector forestal en loita

CNT ForestalA Plataforma en defensa do servizo público de prevención e defensa contra incendios forestais, da formamos parte os traballadores/as públicos e privados do sector forestal da CNT, ven de convocar unha serie de actos de protesta coincidindo con esta última semana da tempada de verán.

CONCENTRACIÓN:

 

ROTEIROS:

  • Mércores 25 de Setembro. Roteiro Burgueira(Oia)-Baiona, saída ás 16.30h
  • Xoves 26 de Setembro. Roteiro As Neves-Ponteareas, saída ás 16.30h.
  • Venres 27 de Setembro. Roteiro Pontecaldelas-Pontevedra, saída ás 16.30h.
  • Sábado 28 de Setembro. Monte Xiabre-Vilagarcía, saída ás 17.00h.
  • Domingo 29 de Setembro. Milladoiro(Ames)-Compostela, saída ás 10.00h.

 

MANIFESTACIÓN:

  • DOMINGO 29 DE SETEMBRO, ÁS 11:30 HORAS DESDE A ESTACIÓN DO TREN DE COMPOSTELA.

 

 

MANIFESTO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

Un número significativo das organizacións sindicais e profesionais que actuamos no colectivo de traballadores e traballadoras da prevención e extinción de incendios forestais en Galicia, vimos de xuntarnos de cara a denunciar publicamente o desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a realizar no Servizo.

Este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que pretenden obter beneficio económico por apagar os lumes que se producen no noso País. É unha privatización en toda regra que se suma ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia.

A día de hoxe son xa cinco os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción. Persoal da Xunta, da empresa pública Seaga, de Tragsa, de Natutecnia e dos concellos (Grumir), cada un coas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretende realmente é só man de obra barata e sen dereitos laborais. Polo tanto sen experiencia e non profesional. Unha política absolutamente irresponsable nun tema tan complicado en Galicia como o dos lumes, e onde se renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira de tal nome.

En vistas da situación, as organizacións sindicais e profesionais e traballadores e traballadoras da Xunta, Seaga, Tragsa e Natutecnia constituímos esta Plataforma, que se fundamenta nas seguintes reivindicacións:

- A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Non ás privatizacións do Servizo.

- A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

- A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

- Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Queremos un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incendios forestais.

- Anticiparse ao lume significa minimizar os seus efectos, e acadar así un emprego máis estable e un sector forestal máis produtivo e xerador de riqueza nun momento tan necesario para Galicia.

- A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde busquemos as solucións ao Servizo.
A Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e defensa contra incendios forestais, nacida do colectivo de traballadores e traballadoras, fai un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vinculados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

O sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.