Enquisa HostaleríaDigna

CNT-Compostela adire ao Manifesto Cidadán de Solidariedade cos independentistas xulgados pola Audiencia Nacional e chama a participar nas mobilizacións

Ante o próximo xulgamento, os días 24 de 25 do mes de Xuño, de catro independentistas no tribunal de excepción da Audiencia Nacional, baixo a acusación de pertenza a banda armada e falsificación documental con fins terroristas, entre outras, a CNT de Compostela expresa a súa solidariedade incondicional coas persoas que serán xulgadas e denuncia o carácter político do xulgamento, así como o alcance indiscriminado a nivel represivo que este xuizo pode ter no futuro.

Ao tempo, apoiamos a manifestación convocada en protesta contra estes xulgamentos para o próximo sábado 15 de Xuño, que partirá às 19:00 desde a Alameda de Compostela.

Desde a CNT temos claro que a intención do Estado e o poder non é outra que a de manter baixo control o conxunto do tecido asociativo cunha ameaza costante á persecución, a represión e ao encarceramento.

Temos claro que, se neste momento a represión pode parecer centrarse nun grupo moi concreto (que ademais seguramente nen exista) non ha tardar en estenderse a toda canta organización e persoa moleste ao poder e ao capital, empregando unha ficticia situación de terrorismo para alongar o control social e a represión mediante a creación dun chamado "entorno" que será perseguido indiscriminadamente e no que serán introducidas cantas organizacións, estabeis ou difusas, asociacións e persoas, que lle interese ao Estado.

Temos recentes outras experiencias deste tipo, nas que a creación dun entorno baseado na loita anti-terrorista deu como resultado a persecución de toda canta ideoloxía resulte molesta nun momento dado. É por iso que é este o momento de reaxir e denunciar o novo paso represivo que o capital está a dar na Galiza, de enfrontarnos sen medo e na rúa e de amosar a nosa solidariedade con quen semella que inaugurarán este camiño. O que non sabemos é quen será o próximo, pero podemos conseguir que non se avance impunemente neste camiño.

Podes ler aquí o Manifesto