Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Homenaxe na Illa de San Simón aos represaliados no alzamento fascista

O pasado domingo dia 23 de Xullo tivo lugar na Illa de San Simón, onde se situa un tristemente célebre presídio polo que pasaron centos de militantes antifascistas, unha homenaxe a todos os loitadores e loitadoras que na Galiza fixeron fronte ao monstro fascista.
O acto contou coa emocionada palabra e lembranza de supervivintes da prisión da illa, de luitadores reprealiados e de fillos destes.
Tamén tiveron a palabra Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da consellaría de Cultura, e Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, que ensalzaron a actuación das institucións republicanas e de quen loitou "pola democrácia e a república", ocultando a valente loita de miles de operários e operárias que deron a sua vida por construir un mundo mellor e máis xusto, e que tamén foron duramente reprimidos, encarcerados e asasinados polos distintos gobernos republicanos, e ocultando asemade a importante labor dos anarquistas e anarcosindicalistas.
Compañeiros da CNT de todas as vilas da Galiza se deron cita nesta homenaxe que desde a CNT facemos nosa. Ao final do acto os compañeiros anarcosindicalistas entoaron os hinos "A las barricadas" e "Hijo del pueblo", que foron emocionadamente acollidas por moitos dos presentes.

NON FAGAMOS DA MEMÓRIA UN OLVIDO
Produce-nos surpresa observar o movimento que se está a producir arredor da chamada “Memória Histórica” tanto o que cai desde o alto das instáncias políticas como desde os restos do estalinismo en despedida ou do socialismo gomoso. Existe unha pretensión non declarada por parte de historiadores oficialistas en animada xuntanza con persoeiros e pretendidos intelectuais do País para dar neste asunto gato casposo por lebre exquisita, ou sexa, para agachar outras visións e pontos de vista diferentes ao discurso políticamente correcto e de progreso que reparte subsídios, tarimas, bolsas, viaxes ou comisariados a golpe de dedazo desde San Caetano.
A Confederación Nacional do Traballo (CNT) , xunto coa Federación Anarquista Ibérica (FAI), Mulleres Livres” (MM.LL.) e as “Juventudes Libertarias” (JJ.LL), estaba presente no panorama social e sindical nos anos anteriores ao golpe de estado do xeneral Franco; son máis de 500 os militantes e afiliados asasinados en Galiza após o levantamento militar do 18 de Xullo de 1936 e a presenza do movimento libertário na organización e artellamento da resisténcia antifascista na Galiza foi determinante.
Nada pode satisfacer-nos máis que saber do interese que mostran numerosas organizacións sociais de base, historiadores locais, investigadores que traballan fóra das Universidades galegas, etc., que levan anos pescudando sen que as institucións políticas ou académicas lles fixeran caso algún durante os anos anteriores a 2006. O movimento social que hoxe asoma pertence às xentes do común e olla con desconfianza o deseño efectuado tan tardiamente polo actual governo de Progreso.
Non é de recibo facer un rego político para que por él camiñen todas as opcións políticas e sindicais sob unha soa bandeira: a republicana. Non é de recibo que pretendamos chegar até as portas mesmas da Transición para que un grupo político governante acade presenza, simplesmente porque en 1936 e anos posteriores non existía.
Desde a CNT, queremos deixar claro que nos parez un exercício conscientemente manipulador pretender, desde o governo de Progreso ou desde calquer outro colectivo interesado no tema, silenciar que non todas as organizacións eran da corda republicana e non todas as persoas que foron asasinadas, paseadas ou executadas eran republicanas. Iso é unha falsedade histórica. Iso non é recuperar a memória. Iso é manipular o que pasou.
Os militantes das organizacións do Movimento Libertário antes citadas non eran republicanas, eran anarco-sindicalistas ou anarquistas, tiñan os seus hinos, a suas bandeiras, as suas próprias cancións e a sua cultura política. Por iso foron tamén reprimidos, encarcerados e asasinados polos governos republicanos anteriores ao golpe de estado do 18 de Xullo de 1936, como é sabido e coñecido. Pola sua ideoloxía anarquista e anarco-sindicalista o sanguinário estalismo asasinou a centos dos nosos militantes, sen esquecer a represión que se cebou tamén sobre outras forzas políticas como o POUM.
Pero, qué memória imos traer se comezamos por amorear todo sob a bandeira política da República?. Qué exercício memorialístico van facer se comezan por agachar que entre os mortos e desaparecidos na Galiza despois do 18 de Xullo de 1936 hai-nos, tamén, de diferentes opcións, cores e bandeiras, que non todas aquelas xentes eran republicanas?.
Así, tristemente, facemos un exercício de des-memória progresista.