Enquisa HostaleríaDigna

Desmantelamento da Consellería de Traballo e Benestar

Desde a sección da CNT na Xunta de Galiza vemos de maneira preocupante as masivas amortizacións de postos de traballo que pretende facer a Consellería de Traballo e Benestar polas múltiples consecuencias que terá para tod@s este progresivo desmantelamento do sector público.

O proceso que se pretende levar a cabo amortizando 251 postos de traballo na Consellería acarrea dúcias de despedimentos de persoal de caracter temporal: persoal interino e persoal laboral temporal e indefinido. O proceder da Xunta con este asunto é bastante opaco e está cheo de "curiosidades": despedirase a xente con dereitos adquiridos?, por que saen prazas amortizadas aos concursos?, que criterio se sigue á hora de decidir que prazas se amortizan ou cales non?,... e moitas outras cuestións que se derivan desta chapuza da que pouco máis se sabe que o aportado polos propios afectados/as.

Aparte das consecuencias individuais para os que serán despedidos existe a posibilidade, actualmente en estudo, de que esteamos diante dun ERE na Administración Pública. Esto faria que o proceso tivera que seguir uns procedementos establecidos para que se poida levar a cabo, de non seguir estas regras, o proceso podería ser declarado nulo nos xulgados.

As consecuencias deste "ERE" amplíanse para o resto de traballadores/as públicos máis alá dos directamente afectados/as, que teñen nomes e apelidos. Por unha banda, intuímos que o traballo realizado por estas persoas terá que ser asumido por outros compañeiros/as que verán aumentada a sua carga de traballo. Por outro lado, ao desaparecer semellante cantidade de prazas serán menos as posibilidades de mobilidade para os empregados/as.

Os outros grandes perxudicados seremos de novo os usuarios dos servizos, os cidadáns que pagamos os nosos impostos e que vemos como se desmantelan progresivamente os servizos públicos. Vemos como cada vez se paga máis e se dispón de menos, vemos como se implantan re-pagos para determinados servizos, e en definitiva como en troques de mellorar a calidade dos servizos colectivos, éstes van empeorando e/ou desaparecendo.

E como punto final do proceso de desmantelamento asoma a privatización. E éste é o problema de fondo, a destrución do emprego estructural na Xunta é terreo abonado para a súa lucrativa privatización mediante  subcontratas "amigas". Un negocio de subcontratar, ilegal en moitos casos, que resulta moito máis caro para a Administración e que empeora os servizos e as condicións laborais dos traballadores/as que os manteñen.

Compañeiros/as xa estamos vendo que non soamentes se trata de amortizacións de prazas vacantes, vemos día tras día como a seguridade xurídica vai indo a menos, vemos como os gobernantes/as van en serio no desmantelamento dos servizos públicos e nos despedimentos masivos dos seus traballadores/as.

Dende a CNT chamamos á autodefensa e á loita activa de cara a defender os nosos postos de traballo e o noso sector público que tanto costou conseguir. Unamos as nosas forzas antes de que non quedemos ningún. Con este propósito participaremos na concentración diante da Consellería de Traballo e Benestar en San lázaro (Compostela) o próximo mércores 20 de marzo ás 11:30h, aceptando o convite dos compañeiros/as da Asemblea Aberta de Traballadores da Xunta de San Lázaro (http://aasanlazaro.blogspot.com.es/2013/03/concentracion-en-traballo-o-proximo-2003.html)

 

Relación de postos a amortizar na Consellería de Traballo e Benestar (marzo 2013)