Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

8 de marzo: concentración en Vilagarcía o día da Muller Traballadora

08/03/2013 20:30

8marzoO vindeiro 8 de marzo celebrarase o Día da Muller Traballadora e a CNT fará unha concentración en Vilagarcía de Arousa ás 20:30 na praza de Galicia. Esta data persegue a concienciación polos dereitos de igualdade da muller con respecto ao home e a eliminación da opresión que aínda hoxe en día se continúa a exercer.

A loita feminina deu inicio cando a muller deixou o ámbito familiar e se incorporou masivamente ao sector industrial, tomando conciencia da súa situación precaria. O anarquismo fixo das reivindicacións feministas tamén a súa causa e promoveu ademais a igualdade de sexos, a ensinanza mixta, o dereito á planificación familiar e a educación sexual. Moitos dos logros acadados durante o pasado século conseguíronse grazas á unión de mulleres e homes para defender os seus dereitos.

No contexto da actual crise, estes dereitos están a ser destruídos, levándonos a unhas condicións de paro e desigualdade terriblemente promovidos polo estado. Debido a isto, en moitos fogares a muller convértese no único sustento económico familiar, tendo que soportar extremas condicións de explotación e sen dereitos laborais.

Por todo isto, mulleres e homes temos o deber de defendernos e protexer todo o que os nosos predecesores acadaron sacrificándose e loitando por uns dereitos que non nos podemos permitir perder.

Agora máis que nunca, temos a obriga de unirnos á loita por defender o que nos pertence!