Prensa obreira

CNT Compostela solidarízase con #pechehistoria

Dende a pasada folga xeral do 29 de marzo, parte do estudantado da USC vense organizando de xeito asembleario na súa particular loita contra os recortes aos que cada semana o Estado somete as nosas vidas.

O pasado día 28 de maio, dende a asemblea aberta de estudantes lanzábase un comunicado informando da decisión de realizar un peche permanente na Facultade de Xeografía e Historia, así como o seguinte manifesto coas súas reivindicacións:

POR QUE O #pechehistoria?

Porque o estudantado quere estudar.

Por iso abrimos este espazo de estudo aberto 24 h pola nosa propia iniciativa, que lle levamos reclamando ás institucións dende hai anos e ténsenos negado en reiteradas ocasións. As prazas nas bibliotecas son claramente insuficientes, especialmente en horario extraordinario, para todo o estudantado da Universidade.

E precisamente porque queremos estudar, estamos en loita contra as medidas recentemente aprobadas que favorecen a elitización e a privatización do ensino -como a actual suba das taxas- namentres se manteñen ou incrementan as concesións ao ensino privado, os privilexios fiscais, e máis se están a inxectar sumas desorbitadas de diñeiro á Igrexa Católica, á banca, etc. Sabemos que, enmarcados no presente proceso de adaptación ao Plan Boloña e tamén na Estratexia Universidade 2015, estes non van ser os últimos ataques ao ensino público.

Por todo isto, convocamos o conxunto do estudantado a unirse á loita polos nosos dereitos.

Achégate ás asembleas que teñen lugar todos os días ás 20 h na Facultade de Xeografía, Historia e Arte.

Para que o desta semana non sexa o teu derradeiro exame, PARTICIPA!

Dende a CNT de Compostela, queremos amosar o noso apoio a esta iniciativa e animar a todos e todas os estudantes a organizarse e loitar na defensa dos seus dereitos.