CNT Compostela celebrou o 1.º de maio na rúa, coas compañeiras e compañeiros dos SOV de Betanzos e Ferrol e todas/os as/os simpatizantes que viñeron a manifestarse e pasar un día tan importante connosco.

O ameazante ceo nubrado deunos tregua durante todo o día, cousa que aproveitamos a fondo. Tras deixar organizada a comida no local, reunímonos unhas cento cincuenta persoas na Alameda, dende onde saímos ás 12.30 para percorrer a zona nova da cidade coreando os nosos lemas con crecente enerxía.
O número de persoas foi aumentando con simpatizantes e cando entramos no casco vello seríamos perto das dúascentas.
A manifestación concluiu na praza do Toural, onde, malia a negativa do concello para facilitarnos unha toma de corrente, grazas a un xeneroso compañeiro puidemos rematar coas acertadas palabras de tres oradores: a compañeira Carmen falounos dos recortes na sanidade, o compañeiro Pablo lembrou a orixe da celebración do 1.º de maio e o compañeiro Martín salientou o camiño que a clase traballadora aínda temos que percorrer nestes tempos de represión; palabras, as de todos os nosos compañeiros, que acenderon os ánimos da xente toda alí congregada.
Despois voltamos ó local para repoñer forzas coa boa comida e máis un ben merecido descanso.






