Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Crónica da Asemblea de traballadores/as da Xunta en Monelos (A Coruña) 7/2/12

Convocados baixo o lema "Participa nas asembleias, decide", máis de duascentas persoas de tódalas categorías do emprego público ateigamos o pasado martes 7 o salón de actos do edificio administrativo de Monelos. Ningunha  butaca libre, xente polos corredores do salón e ducias de persoas abarrotando as entradas, tentando ouvir e facerse escoitar.

E precisamente de escoitar ía o acto, xa que os membros da Xunta de Persoal limitáronse a expór os puntos básicos do anteproxecto das medidas do recortazo e as mobilizacións por eles previstas. Fronte ás demandas de mobilización urxentes e participativas, os "representantes dos traballadores" voltaban unha e outra vez ao calendario preconcebido, chegando á magnanimidade de prometer "valorar as propostas" e "consultar co resto de Xuntas de Persoal e Comités de Empresa". O salón clamaba por unha manifestación urxente pola tarde, e chegáronse a propoñer día (venres) e posibles lugares, todos eles orientados a ter a máxima incidencia na vida Coruñesa e a máxima visibilidade. Esta como outras propostas foron ignoradas polos oficiantes da reunión informativa, xa que ao parecer podería prexudicar a outra manifestación posterior, sen hora nin lugar decididos. A única concesión foi a de participar en concentracións nos centros de traballo e en horario laboral, medidas que varias intervencións tiñan tildado de inútiles.

Despois de hora e media de asemblea, non houbo recollida por escrito das propostas, nin toma de actas nin votación ou toma de decisións de ningún tipo; simplemente, en nome da unidade sindical, os representantes ante a Administración, mentres ignoraban as propostas e demandas da fracción, a todas luces, máis concienciada dos colectivos afectados, invocaron á participación masiva e a unión dos traballadores fronte á agresión do goberno Autonómico,  mesmo permitíndose facer referencia a fracasos de convocatorias anteriores.

Concentración Casa do Mar A CoruñaO venres 10 ás 13:30, coincidindo coa reunión da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, de acordo co dito nas Asambleas do emprego público da Xunta, os traballadores da Xefatura de Coordinación da Área do Mar en Coruña da Consellería do Medio Rural e do Mar concentrámonos na porta da Casa do Mar e adicamos unha estridente e prolongada pitada ás medidas propostas polo goberno autonómico.

Fronte ao frío e os recortes, ánimo e matasuegras. Este Antroido vémonos as caras.