
Esta mañá tivo lugar as 11.30h en Compostela outra nova xornada de folga no ensino público galego convocada por todas as forzas sindicais do ensino. Co gallo da folga, a Sección de Ensino do SOV de Compostela xunto cos compañeirxs de Vigo, A Coruña e Betanzos participaron activamente na masiva manifestación que saíu dende a Alameda e rematou nas mesmas portas da Conselleria de Educacion esixindo, máis unha vez, a demisión inmediata do conselleiro Xesus Vazquez.
A CNT valora positivamente o seguimento desta nova xornada de folga e congratúlase de que aumentase significativamente o apoio que lle brindaron todas as persoas que de xeito directo achegáronse á nosa organización para acompañarnos no percorrido da manifestación.
Por outra parte, dende a sección de ensino do SOV de Compostela xa se están a organizar novas reunións para artellar iniciativas contra as medidas privatizadoras e reaccionarias, agardando facelas extensivas ao resto da federación galaica. Mentres tanto emprazamos á afiliación e ao resto das organizacións sindicais a manter a forza e a vontade de seguer a facer fronte, na rúa ou nas aulas, a estas viles agresións contra o ensino público.
NA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO E DOS POSTOS DE TRABALLO!
HAI QUE PARALOS! A CNT SEGUE NA RÚA!






