
A CNT de Compostela continuamos coa nosa campaña de denúncia da subcontratación ilegal por parte da Xunta de Galicia e contra a sua práctica de acoso e despedimento dos traballadores e traballadoras que denúncian está situación. Desde a CNT convocamos a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia, e en xeral a todos os traballadores e viciños de Compostela a asistir à manifestación que terá lugar o próximo sábado 26 de Marzo na cidade de Compostela. A manifestación partirá às doce do mediodia desde a Praza Roxa de Compostela e rematará na Praza de Cervantes cun mitin a cargo dun dos traballadores despedidos pola Xunta por ter denunciado a sua situación ilegal e Pablo Paz, Secretário Xeral da Federación Local de Compostela.
Esta manifestación enmarca-se dentro da campaña que desde a CNT de Compostela está en marcha para denunciar a práctica habitual por parte da xunta de Galiza que consiste en externalizar todos cantos servizos é posíbel pola via de subcontratar traballadores a empresas externas. Desta maneira a Xunta comete unha evidente cesión ilegal de traballadores, pois cobre con traballadores externos prazas que na realidade debian sair a concurso público e ser ocupadas con persoal funcionário ou laboral fixo. Cando a situación é denunciada polos traballadores, a Xunta resposta da pior maneira: procede ao seu despedimento a través das empresas concesionárias da contrata.
Estes traballadores desenvolvian o seu traballo nas instalacións da Xunta, desenvolvian traballo para a Xunta, nos mesmos locais que o resto de traballadores, cos mesmos horários, coas mesmas responsabilidades, mais non cos mesmos direitos, dado que nen o seu réxime económico é igual ao resto de compañeiros, e ademais están sometidos a este tipo de despedimentos represivos para eles e coactivos para o resto de traballadores e traballadoras. Esta precariedade no emprego público non só deteriora as condicións laborais dos traballadores, senón que degrada tamén o servizo que recibe o administrado. O sometemento, a pasividade, o enchufismo e a opacidade de acordos e intereses entre altos cargos e a empresa priman sobre os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que seica rexen o acceso ao emprego público.
Desde a CNT levamos denunciando esta situación durante anos. Xa en várias ocasións conseguimos a reincorporación dos traballadores ao seu posto de traballo, e na actualidade temos várias denúncias apresentadas en distintas Consellarias. Desde a CNT non vamos cesar na denúncia destas situacións entanto a Xunta, co partido que for, non respeite os direitos dos traballadores e as traballadoras. Pese a que, pola flagrante irregularidade que se ten cometido con eles, os nosos compañeiros tiñan todas as cartas a favor para gañar o caso nos tribunais, convidamos-vos a participar nas vindeiras mobilizacións, para facer sentir aos compañeiros o calor da solidariedade e, aos opresores, a forza da Clase Obreira organizada e a acción directa.






