Prensa obreira

Solidariedade cos traballadores de EINSA

15/02/2011 00:01

A CNT de Ferrol manifesta a súa solidariedade cos traballadores de EINSA, en loita para evitar os despedimentos decididos pola empresa a pasada semana. Hai anos xa que a empresa EINSA está recortando os dereitos laborais dos traballadores coa excusa da crise, para así manter ou ampliar o nivel de beneficios. Non son unicamente os dereitos económicos, senón que tamén se sacrifica a seguridade laboral (xa van varios accidentes de traballo de importancia) e as condicións de traballo. A empresa quere que as persoas empregadas axusten a súa vida aos horarios da empresa, facendo horas extra case de balde e en condicións laborais cada vez peores, contratandoos por medio de empresas de traballo temporal. O caso é maximizar o beneficio sen despeinarse dende os despachos dos directivos, e sen amosar ningún respecto polas persoas que realmente fan o traballo.

Os traballadores e traballadoras son só moeda de cambio para a empresa, que chantaxea cos despedimentos para precarizar aínda mais o traballo nas prantas de As Pontes e Pontedeume, para conseguir axudas da Xunta de Galicia e mesmo para conseguir recalificacións urbanísticas como a que está negociando co concello de Pontedeume. Agora a ameaza é a do peche do centro de traballo de Andrade, mais EINSA non vai devolver nin un peso dos que recibiu por parte das administracións, nin o seu propietario Carlos Martínez vai devolver o título de fillo predilecto de Pontedeume que lle deu o concello en 2007.

Xa abonda de que a empresa sempre gane e nós sempre perdamos. Cumpre lembrar que boa parte da carteira de clientes da empresa é de países nos que a crise non ten a forza que ten aquí, polo que EINSA segue cobrando os seus encargos sen problemas, mentres que aquí lle apreta aos seus traballadores para baixar os custos, ampliar os beneficios e presionar ás administracións para obter novas axudas e apoiar os seus turbios negocios inmobiliarios.

Por outra banda, queremos chamar á reflexión á clase traballadora sobre a situación na que nos coloca o entreguismo sindical, incapaz de obter mellora ningunha en anos de vacas gordas e incapaz de facer nada agora que veñen mal dadas. Hai anos que as traballadoras e traballadores vimos deixando a defensa dos nosos dereitos a unhas minorías de sindicalistas preguizosos, cando non corruptos. Ao final, como no pacto das pensións, vese que o sindicalismo para-estatal traballa máis para o goberno que para defender á clase traballadora. En situacións de emerxencia como a que atravesa a empresa EINSA temos de ser nós, a clase traballadora no seu conxunto, a que tome a defensa dos nosos dereitos. É por elo que a CNT fai un chamamento a todos os traballadores e traballadores de As Pontes e Pontedeume para apoiar a folga dos trabaladores de EINSA e as súas xustas reivindicacións de estabilidade no emprego. Só así conseguiremos que os pequenos combates na defensa dos nosos dereitos se convirtan nun paso adiante na conquista de mellores condicións de vida para a clase traballadora.

Ferrol, 13 de febreiro de 2011

Federación Local da CNT de Ferrol

 

Sección sindical Xunta de Galicia

Campañas

 

Multimedia

Entrevista a sección sindical da Xunta de galiza realizada en Radio Filispim

Eventos

« Novembro 2014 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930