cnt cnt

Chamamento urxente 谩 xente que traballa

Ferrol. 17 Xu帽o, 2010 - 23:13

O goberno aprobou unha reforma laboral que subvenciona o despedimento dos traballadores e traballadoras. No estado hai máis de catro millóns de parados aos que o goberno do PSOE condena ao paro perpetuo ou ao traballo precario baixo os novos contratos lixo. O goberno asume unha parte da indemnización que cobrarían as persoas despedidas, mais o problema da clase traballadora non é cobrar uns centos de euros máis ou menos á hora do despedimento, senón as facilidades que a nova regulación ofrece ao empresariado para facer despedimentos á vontade.

Se o empresario pode despedir con máis facilidade, o traballo vai ser aínda máis precario do que é hoxe. Os patrons terán máis facilidade para esixir movilidade xeográfica e funcional, para esixir o alongamento da xornada laboral, para reducir o gasto en prevención e para limitar o exercicio dos dereitos dos traballadores e traballadoras (vacacións, baixas laborais, etc). Poderán abusar a pracer dos traballadores e traballadoras porque o goberno lles axuda a despedir, e baixo a chantaxe do despedimento os dereitos adquiridos con anos de esforzo, son agora papel mollado.

De cara ás mobililizacións contra esta nova regulación, hai xente que vai plantexar o asunto como unha especie de plebiscito sobre os sindicatos. Seguramente moitos dirán que non van á folga porque os sindicatos son uns caraduras e non lle queren seguir o xogo. Mais cumpre que lembredes que o que está en xogo non é o prestixio dos sindicatos nin o salario dos liberados, senón o voso futuro e o dos vosos fillos. Se non somos quen de parar hoxe este decretazo, en adiante virán toda unha serie de recortes sociais que convertirán o mundo do traballo nun sucedáneo refinado da escravitude: aumento da idade de xubilación, incremento da xornada laboral, recorte de salarios, e dependencia absoluta da arbitrariedade dos empresarios.

Traballador, traballadora, non te equivoques... o sindicalismo corrupto que temos hoxe crease pola túa desidia fronte ás agresións do estado e do capital, e engorda polas subvenciones que o Estado paga coa intención de asegurarse a súa fidelidade. A maior parte das veces, ás queixas contra os sindicalistas que hai anos que non traballan e contra os sindicatos que non nos defenden, o que agachan é, hai que dicilo claro, o teu conformismo e a túa pasividade. Aquí cada quen vai polo seu lado e ninguén se preocupa dos demáis. Cun paro galopante, nos estaleiros fanse horas extras a esgalla e hai familias que meten na casa tres ou mesmo catro salarios. Se os traballadores e traballadoras se uniran para tomar nas súas mans a defensa dos seus intereses, outro galo nos cantaría, e os sinvergonzas que viven do sindicalismo veríanse obrigados a voltar ao traballo. Fronte ao sindicalismo vertical dos liberados temos que erguer a organización asamblearia da clase traballadora, que desborde aos profisionais do sindicalismo e defenda dunha vez os nosos dereitos colectivos. A solidariedade entre os traballadoras é a nosa mellor arma.

A CNT é un sindicato que nunca aceptará os comités de empresa nin os liberados sindicais, que se mantén coas contribucións dos seus afiliados, e que é completamente independente do Estado e do empresariado. Convidamosvos a unir as vosas forzas ás nosas no traballo común de loitar pola defensa dos nosos intereses. Nun primeiro lugar para evitar a precarización do mundo laboral polo novo decretazo. Despois, para deixar de perder dereitos e, dunha vez, mellorar as nosas condicións de traballo; ao cabo, para dignificar a nosa existencia e conseguir un mundo máis libre e igualitario.

 

Contra o recorte social, folga xeral!!!

Federación Local da CNT

Ferrol, 16 de xuño de 2010


  Confederaci髇 Nacional do Traballo