Prensa obreira

História

A CNT na Galiza

Confederación Nacional del Trabajo

A chegada dende Francia das ideas sindicalistas revolucionarias da CGT, permitiron saír aos anarquistas da paralización á que lles levou os actos de terrorismo individual, tan frecuentes no devalo do século XIX. Influída, pois, pola CGT creouse en 1907 a “Solidaridad Obrera” barcelonesa. Na Galiza, o devir do sindicalismo revolucionario galo xa era coñecido por medio dun colaborador de excepción da prensa obreira herculina de carácter libertario: o carpinteiro coruñés José Suárez Duque, daquela exilado en Francia. E a práctica da “Federación Local Obrera” de A Coruña, alentada dende a súa creación (1871) por traballadores anarquistas e integrada a fins da primeira década do século por máis de vinte sociedades de resistencia que superaban os 4000 afiliados, recollía en boa medida as tácticas empregadas dende 1894 pola CGT. A organización barcelonesa, transformouse no ano 1908 en catalana, ao tempo que xurdían experiencias similares en Extremadura e Valencia. Estas, xunto coas Federacións locais de Cádiz, Zaragoza, Xixón, Granada e A Coruña, solicitaron á “Solidaridad Obrera” a convocatoria dun Congreso para confederar ás correntes obreiristas que se reclamaban do sindicalismo revolucionario. O Congreso celebrouse a fins de Outubro de 1910 na cidade Condal, e dalí saiu constituída a “Confederación Nacional del Trabajo” (CNT). Por parte galega, estiveron presentes 10 sociedades de resistencia coruñesas, 2 viguesas e unha compostelá, destacando as intervencións do delegado vigués, o carpinteiro Luís Plaza, integrante da ponencia que dictaminou o regulamento provisional da nova central obreira. Pouco tempo despois, en Marzo de 1911, o anarcosindicalismo coruñés e o “Centro de Sociedades Obreras” de Vigo, impulsaron a Federación Sindical “Solidaridad Obrera de Galicia”, a imaxe e semellanza da homónima catalana.

Neste contexto de medre do sindicalismo revolucionario na Galiza, cabe situar a asistencia tanto da FLO herculina como do Centro vigués, acompañados dunha sociedade de resistencia ferrolá, ao 1º Congreso da CNT, acontecido no Pazo de Bellas Artes de Barcelona en Setembro de 1911. A ilegalización da CNT unha vez rematado o Congreso, determinou, non obstante, que tan só o obreirismo coruñés ficase vencellado ás tácticas do sindicalismo revolucionario ata o intre da Grande Guerra. Nese contexto válido para o período comprendido entre 1910 e 1920, cabe entender tanto a proliferación de grupos anarquistas como a creación de “Ateneos Sindicalistas” en localidades onde, como acontecía en Ferrol, Ourense ou Vigo, o societarismo obreiro escapaba maioritariamente ao influxo confederal. No ano 1915, en plena contenda mundial, a convocatoria do Congreso Internacional da Paz polo "Ateneo Sindicalista Obrero” de Ferrol, tivo como consecuencia máis rechamante o acordo, tomado polos numerosos cadros sindicais de diferentes partes do Estado asistentes, de reorganizar a CNT. O período de ascenso das loitas obreiras aberto cos procesos revolucionarios ruso e alemán, a descomposición do réxime da Restauración e o significativo desenvolvemento dos sectores industrial e de servicios na Galiza, levou de seu a extensión do anarcosindicalismo coruñés, principal protagonista da folga revolucionaria de Agosto de 1917 no territorio galego, a outras cidades e vilas do país; nesta xeira propagandística e organizativa destacarán, entre outros, o tipógrafo Juan Nó, o camareiro marítimo Ricardo García Lago e o estibador Jesús Arenas. Deste xeito, no IIº Congreso da CNT celebrado en Nadal de 1919, os cáseque 11.000 traballadores galegos alí representados, pertencían non só a FLO herculina, senón tamén a boa parte do obreirismo santiagués, ao da bisbarra de Ferrolterra, así como a algunhas sociedades obreiras vilegas da provincia de A Coruña. No albor dos anos 20, a violencia que acompañou á extrema conflitividade dos traballadores do porto coruñés, cuxa combatividade vai ter eco mesmo fora dos límites da cidade, non dexenerou como en Catalunya na aparición do pistolerismo e a xeralización do atentado. A CNT galega, xa que logo, continuou a actuar na legalidade, espallando a súa influencia polas Rías Baixas, onde vai salientar o labor do carpinteiro de ribeira de orixe compostelá pero afincado en Vigo, José Villaverde. Deste xeito, sumándose á implantación na provincia de A Coruña, as vilas de Tui, Vilagarcía e A Guarda, así como os traballadores do mar vigueses, contarán a partir de agora con potentes sindicatos cenetistas, posibilitando a creación da “Confederación Regional Galaica” da CNT no verán de 1922.

Confederación Regional Galaica-CNT

O IIª Congreso da CNT (1919) acordou consolidar a organización territorial dun xeito federal, espallando o exemplo das “Regionales” catalana, levantina e andaluza, constituídas antes do comicio, ao resto do Estado. No país galego, logo do fracaso daquela primeira tentativa de estructuración supralocal que foi a Federación Sindical “Solidaridad Obrera de Galicia”, os cadros anarcosindicalistas levaban xa algún tempo teimando polo artellamento da “Confederación Regional Galaica” (CRG) da CNT, ata que a expansión do societarismo libertario pola beiramar das provincias de A Coruña e Pontevedra a comezos dos anos 20, fixo posible a súa efectiva conformación. A CRG, pois, constituíuse o 21 de Agosto de 1922 no Salón “Ideal Cinema” de Vigo, coa presencia de 52 sociedades de resistencia e 25.256 afiliados, que representaban á totalidade do obreirismo organizado de Coruña, Santiago, Vilagarcía, Tui e outras pequenas vilas, así como a importantes franxas proletarias de localidades con hexemonía da UGT, como Ferrol, Ourense, Vigo ou Marín. Daquela, a capital coruñesa foi elixida como residencia do primeiro comité da Confederación Galaica, en recoñecemento da implantación do anarcosindicalismo local. Así mesmo, José Suárez Duque, o veterano e carismático carpinteiro herculino, asumiu tanto a secretaría da nova Confederación como a dirección do seu voceiro semanal, denominado ”Solidaridad Obrera”, ata a súa morte acontecida un ano despois.

A CRG respondía, en definitiva, ás necesidades orgánicas da CNT, pero ademáis viña a recoñecer o específico contexto social do noso país. De feito, a superación do ámbito localista na conflictividade xerada no interior da sociedade galega, ben pola actividade anticaciquil, ben polo agravamento das loitas obreiras do momento, puxo de manifesto a necesidade dunha federación das sociedades obreiras galegas. A vida da CRG nos inmediatos anos da Ditadura de Primo de Rivera non foi doada, pois as novas autoridades limitaron en boa medida a súa liberdade de movementos. Así e todo, as organizacións galaica e asturiana da CNT mantivéronse na legalidade, potenciando en todo momento aquelas iniciativas tendentes a recuperar a normalidade no resto do Estado. Na Galiza, a represión gobernativa desenvolvida na Coruña, Ferrol, Vilagarcía e Tui, e que tivo como principal consecuencia a detención e procesamento do secretario da CRG, Ricardo García Lago, obrigou a transladar o seu comité a Santiago, onde o pintor Manuel Fandiño levou a secretaría ata 1930 e o carpinteiro Ezequiel Rey ocupou a dirección de “Solidaridad Obrera”, deica a súa suspensión definitiva producida no ano 1927. No aspecto meramente sindical, a CRG, acosada por unha normativa laboral restrictiva coas súas tácticas e inserida nun contexto desmovilizador, ficou reducida a uns poucos milleiros de afiliados, manténdose a intervención societaria tan só en Santiago, A Coruña e Vigo. Na cidade da oliveira aconteceu, precisamente, a única nota positiva do período: o artellamento en 1925 da “Federación Regional Marítima”, conformada polos sindicatos mariñeiros de Vigo-Bouzas, Coruña, Marín e Pontevedra; a devandita Federación, que contou co quincenario “¡Despertad!” como voceiro, tivo continuidade até a IIª República mediante un comité domiciliado na Coruña e unha secretaría encabezada polo patrón de pesca coruñés, Manuel Montes. Ao abeiro dunha intensa conflictividade obreira, que tivo especial incidencia no ramo da construcción da capital das Rías do Norte, a CRG reorganizouse no transcurso de 1930, ano no que vai poder celebrar o seu primeiro Pleno á luz do día dende 1924. Nel, fora do retorno do comité a Coruña e os nomeamentos do carpinteiro José Ramón Suárez para cubrir a secretaría e de José Villaverde para dirixir “Solidaridad Obrera”, evidencióuse a simpatía dos cenetistas galegos con respecto á implantación dun réxime republicano. A participación de oradores cenetistas e republicanos en actos conxuntos a prol da amnistía foi, polo tanto, moeda común até as eleccións municipais do 14 de Abril de 1931, data na que a CRG deixou aos seus afiliados en liberdade á hora de votar.

No primeiro bienio republicano, os anarcosindicalistas galegos estiveron presentes nos principais conflictos laborais e sociais acontecidos no país, singularmente no paro xeral de nove días desenvolvido no Ferrol contra os despedimentos na Constructora Naval (1932), as folgas da construcción coruñesa (1932 e 1933), o amarre por seis meses das parellas de arrastre en Bouzas, etc. O devandito activismo confederal tivo como resultado a expansión do sindicato por numerosas localidades do occidente galego, de sorte que en 1933 remontaba a cifra de 33.000 afiliados e superaba lixeiramente á UGT. Nas ringleiras cenetistas destacaban máis unha vez a capital coruñesa, cuxa FLO chegou en 1936 á cifra de 14.000 cotizantes, e a forte implantación nos traballadores do mar mediante a “Federación Regional de Industria Pesquera”, pioneira no conxunto do Estado canto á posta en marcha das federacións de industria. O medre da CRG nos diversos espacios sociais, tampouco foi alleo ao intenso labor de organización e propaganda levado a cabo polo que foi o seu secretario entre 1931 e 1933, José Villaverde, un dos adaís da presencia cenetista no agro e no mundo mariñeiro e defensor dun anarcosindicalismo moderado, constructivo e de forte contido humanista. Mais a partir de 1933 o agravamento da crise económica e social, vai propiciar o ascenso dunha nova xeración de militantes anarquistas, algún deles vencellado á FAI, partidarios de radicalizar a acción sindical. Substituído Villaverde polo panadeiro coruñés José Moreno na secretaría da CRG e polo militante muradán Claro Sendón na dirección da “Soli”, a CNT vai convocar ao longo do ano antedito varias folgas xerais de carácter insurreccional, que na Galiza adoptarán un desacostumado xorne violento: na de Nadal de 1933, prodúcense enfrontamentos armados nos arrabaldos de A Coruña, co resultado de tres mortos, varios feridos e máis de catrocentos detidos. A radicalización da CRG non vai impedir, sen embargo, o aliñamento da maioría da militancia coas teses favorables a unha “Alianza Obrera” coa UGT, nunha avinza considerada necesaria para frear ao fascismo e camiñar cara unha situación revolucionaria. Deste xeito, a CRG apoiou a folga xeral convocada na Galiza pola central socialista en Outubro de 1934, co gallo da frustrada Revolución de Asturias, e criticou ás “Regionales” cenetistas que rexeitaron secundala. Duramente castigada polos diversos gobernos de dereitas durante o Bienio Negro, tempo no que acadou moita sona o bulir solidario dos Comités Pro-Presos galegos, a CRG recuperou toda a súa potencia na Fronte Popular, onde, nun contexto de colaboración coa UGT, achegouse aos 40.000 afiliados e contou, a maiores, cunha certa presencia na Galiza interior. Cando estoupa a Guerra Civil, a CRG, como resultado da súa sensibilidade cara ás características específicas da loita de clases na Galiza, presentaba uns sinais de identidade singulares dentro da CNT, presididos pola relativa moderación, a independencia con respecto ao resto das correntes do movemento libertario e a simpatía polos acordos con outras forzas obreiras.

Tras o 18 de Xullo de 1936, o anarcosindicalismo galego perderá aos seus mellores cadros (José Villaverde, Manuel Montes, José Moreno, Claro Sendón e un longo etcétera) ben na represión desatada por todo o país, ben nos combates aos que se incorporaron numerosos fuxidos cara a zona leal á República; alí, os cenetistas galegos alentaron a “Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios” e a organización de batallóns baixo o seu control, particularmente na fronte do Norte. Rematada a contenda, a CRG voltou a ter recoñecemento orgánico na CNT ilegal do interior a partir de 1941, unha vez que foi reconstituída en territorio galego. Logo dunha imprescindible tarefa de recuperación de cadros, o primeiro comité da CRG na clandestinidade argallouse en 1942 na Coruña; dende aquela e ata 1949, a “Regional Galaica” participou da azarosa traxectoria da CNT baixo o réxime de Franco.

Durante os anos da Guerra Mundial, a recuperación sindical foi palpable, con comités locais artellados en Ferrol, Coruña, Santiago e Vigo e núcleos activos de militantes en Lugo, Ourense, Pontevedra, As Mariñas, Ferrolterra, Bergantiños, O Morrazo, Tui e O Salnés. Asemade, os anarcosindicalistas foron, ata 1947, alicerce da “Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas” na Galiza, onde acadaron a participación de socialistas e republicanos, e a colaboración do Partido Galeguista. Tampouco abandonaron os contactos con grupos guerrilleiros afíns, integrados algúns na “Federación de Guerrillas de Galicia y León”, que combatía nas serras do Leste lucense e ourensán, espallados outros ben pola provincia coruñesa, ben pola raia de Portugal, entre A Gudiña e Lovios.

A partir de 1946, non obstante, priorizouse a intervención sindical e a colaboración coa oposición política do interior debido á falta de perspectivas da loita armada, recibindo os combatientes cenetistas a orde de abandonar o monte e retirarse cara Francia. De todas maneiras, o desenvolvemento cenetista vai ser freado pola represión do réxime de Franco unha vez rematada a IIª Guerra Mundial: mediado 1946, logo de diversas detencións na Coruña e das sucesivas fugas fora de Galiza de Juan García Durán e Félix Álvarez que exerceron de secretarios, o comité da CRG vaise transladar a Santiago onde, outravolta, Manuel Fandiño colle a secretaría. Mais, na primavera de 1947, a caída de varios afiliados da factoría de Barreras en Vigo arrastra á maioría dos cadros de toda Galiza, producíndose detencións masivas, entre elas a do Comité da CRG en pleno. Ao cabo, a mediados de 1949 é neutralizado un novo Comité en Compostela, producíndose apresamentos de sindicalistas en Coruña, Lugo e Ourense. Deste xeito, máis de 200 afiliados á CNT foron detidos na Galiza entre 1947 e 1949, ficando a CRG esfarelada ata 1956. Nese ano, Víctor Francisco Cáceres, traballador do estaleiro vigués “Vulcano”, foi quen de proseguir o traballo sindical na cidade e contactar coa vella militancia e co exilio francés, dando unha precaria continuidade á CRG ata que en 1976, co devalo do réxime franquista, vellos e novos cenetistas procedentes das principais cidades galegas, acordaron en Vigo a definitiva normalización da central obreira anarcosindicalista no noso país.

Confederación Regional Galaica-CNT no exilio.

Logo da derrota do bando republicano na Guerra Civil, algúns cenetistas galegos exilados en Francia e México, tentaron reorganizar á cativa militancia galaica dispersa nos seus respectivos lugares de adopción. No país americano, un cadro da CNT coruñesa nos tempos da República, o mecánico José Prego, constituíu en 1942 un Comité da CRG no México DF, apoiado noutro vello dirixente dos estibadores da cidade herculina, Jesús Arenas, no metalúrxico galaico-arxentino José Montero e no panadeiro coruñés José Platas. O Comité, que mantivo vencellos coa CRG clandestina do interior, durou cando menos ata 1955, se ben con pouca actividade.

Polo que atingue ao territorio francés e ao Norte de África francófono, no devalo da ocupación alemá e dando continuidade á personalidade orgánica dos cenetistas galegos que ficaron no territorio leal á República durante a Guerra Civil, artellase un “Comité de Relaciones de Agrupaciones de Gallegos Libertarios” ao redor de Miguel Vázquez Valiño, outrora teniente de alcalde da vila de Noia e residente en Monterdre, unha localidade do Mediodía francés, e de Luís Chamorro, afincado en Casablanca.

En Xaneiro de 1945, o devandito organismo converterase nun Comité da CRG domiciliado en Toulouse, no que van destacar o propio Valiño, os ferroláns Luís Beceiro e Rogelio Leal, vencellados ás JJLL e á FAI, respectivamente, os coruñeses Benigno Cabanas e José Sánchez, o ferroviario ourensán Juan Vázquez, etc. A CRG do exilio francés, ao contrario que a mexicana, discrepou abertamente coa organización do interior no tocante ao colaboracionismo político mantido no interior da “Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas”, razón pola cal as relacións foron dificultosas. A súa laboura centrouse, máis que nada, na solidariedade cos compañeiros presos nas cadeas franquistas, así como nas actividades de apoio a certas partidas guerrilleiras afíns. Con tal obxecto, o Comité da CRG de Toulouse creou unha efémera “Agrupación de Milicias Gallegas” en Francia, para encanar fondos recaudados na emigración americana cara os devanditos grupos armados. Así mesmo, os libertarios galegos espallados por Francia mantiveron entre 1948 e 1950 un boletín denominado “Solidaridad”, e alentaron a publicación dalgúns folletos mediante a Editorial “Galicia Libre”. A CRG deixou de funcionar en territorio francés ao comezo da década dos 50, cando moitos exilados galegos decidiron integrarse na Galiza emigrante de alén mar.

Fonte: Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio: A represión contra o Movemento Libertario na Galiza durante a Guerra Civil e a posguerra en: Congreso da Memoria (1º. 2003. Narón)
A Represión franquista en Galicia : actas dos traballos apresentados ao Congreso da Memória, Narón, 4 a 7 de Decembro de 2003 / [comité científico, Enrique Barrera Beitia, Eliseo Fernández Fernández, Xosé Manuel Suárez, Manuela Santalla López.
[Galicia?] : Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005,
pp. 399-425.

Represaliad@s

Listaxe de libertárias asasinadas, paseadas, mortas loitando durante a Guerra Civil, na guerrilla, en campos de concentración nazis, por malos tratos nos cárceres, fugas frustradas, enfermidades ou simplemente desaparecidas durante e Guerra Civil ou anos posteriores. Esta listaxe é provisória e só da província de A Coruña:

Compostela.
Cándido Sánchez Rodríguez.
Marcial Villamor.
Rico.
José Gerpe.
Jesús Regueiro.
Silvino Acitores.
Padín.
Manuel Pardo Corredoira.
Mortos por outras causas:
Antonio Fandiño Ricart.
Marcial Villamor.

Cesures.
José Maseda Baamonde.

Ferrol.
Francisco Iturralde.
Manuel Bugueiro Otero.
Manuel Ardao.
Mario Rico.
Alejandro Juliás Torres.
Gonzalo Seoane.
Pedro Seoane Golpe.
Marcilo Rey.
Vicente Couce Fraguela.
Francisco Pita.
Nicasio López Fidalgo.
José Mesín Pardo.
Manuel Trasmonte.
Fernando Mourente Bastida.
Florencio Martínez López.
Juan Rey Iglesias.
Manuel Argüeso Pardo.
Manuel Castro sanjurjo.
Manuerl Rivera Herva,
Ovidio Abeledo Casteleiro.
Nicasio González Díaz.
Tomás Miján Expósito.
Carlos Caruncho Méndez.
Enrique Amado Lago “Ferrechín”.

Ares.
Manuel Fernández Caruncho.
Jesús Rodríguez.

Cabanas.
Francisco Barcia Casanova.

Neda.
Gregorio Dopico “O Yoyo”.
Ignacio Galego Mera.

Narón.
Florencio Martínez López.
Ramón Romero castro.

Fene.
Ricardo Echevarría Pérez.
Celestino Rodríguez Galdós.
Enrique Permuy Rodríguez.

Mugardos.
Nicolás Méndez Fernández.
Francisco Fernández García.
Sebastián González Pereira “Tián”.
Antonio Fernández Penedo.

Cedeira.
Jesús Lago Díaz.
Antonio Pérez Breijo “Chen”.

Cariño.
José Antonio Timiraos.
Agustín Pérez Bacaria.
Antonio Blanco Fernández.
Antonio Pita Armada.
Modesto Senra.
Miguel Bermúdez López.
Jesús Díaz.
Alfredo López Rodríguez.
Emilio Fuentes.
Luis Pita Armada.
Avelino Pérez Breijo.
Fernando Anido.

Ortigueira.
José Neira.

Mañón.
José Rivera Vieiros.
Benigno López Fernández.
Jesús Verdeal.
Jesús Mª Fernández Fernández.
Germán Cuervo.

Betanzos.
Tomás Fuentes Belón.
Julio Sas Barros.
Celestino Veiga.
José Baamonde Valiño.
Manuel Vales Fernández.
Aurelio Castillo.
Antonio Maceiras Campillo.
José Edreira.
José Rilo Jorabel.
Pedro Barral.
Felipe Veiga Montouto.
Luis Naveira Carballo.
Gerardo Mosquera Fidalgo.
Manuel Vázquez Gómez.
Francisco García Fraga “Coducho”.
José Carro.
Camilo Naveira Ferreño.
Julio Teijo.
Pedro Teijo.
José Naveira Campos.

Irixoa.
Antonio Barbeito Espiñeira.
Manuel Vidal Freira.
Obdulio López Acea.
Máximo López Acea.
Ricardo López Acea.
Ramón López Amado.

Mesía.
Benigno Andrade “Foucellas”.

Camariñas.
Jacinto Campaña.

Ponte do Porco.
Manuel Carracedo Balsa.
José Celestino Balsa.

Outes.
Maximino Martínez.

Noia.
Constantino García Rial.
Ramón García Fernández.
José Maneiro Teira.
Manuel Blanco San Luis.

Lousame.
José Romero.
Generoso Rivadulla Mallo.
Fermín Maneiro.

Porto do Son.
Francisco Lemiña.
Luis Martínez Montemuiño.
Davir Mariño Ramos.

Pobra do Caramiñal.
Manuel Pérez Becerra.

Ribeira.
“O Asturiano”.
Vicente López Novo “O Rufino”.
J. Lijo Louro, Pepe “O Cocheiro”.
Vicente Iglesias Rodríguez.

A Coruña.
José Villaverde Velo.
Manuel Vázquez Lago.
Julio Acevedo veiga.
Benito Díaz Peneira.
José Vázquez Rozas.
Claro José Sendón.
José Santiago García Rey.
Fernando Caamaño Pérez.
José Torres Regueiro.
Antonio Torres López.
Eduardo García Cabeza.
Luis Navarrete?.
Amadeo Suárez garcía.
José Rodríguez “Chucho”.
Antonio Penas Illobre.
Luis Cheda Magallart.
Santiago Sanjurjo.
Francisco Ballón Pequeño.
Cipriano Alvite Alonso.
Alejendro Delgado Fernández.
José Mantiñán.
Marcelino calviño Pato.
José Díaz de la Sierra.
José Boedo López.
José Antonio Boedo Núñez.
José Naya Regueira.
José González Souto.
José Brandariz Ramos.
José Longueira Bermúdez.
Luis López Gómez.
Emilio Prego.
Enrique Castro Patiño.
Juan Rumbo No.
Carlos Míguez Pérez.
Santiago Cobas Rozas.
Luis Fernández Mula.
José Valerio Caramés.
Manuel Salgado Núñez.
José Santiago Temprano.
Genaro Pazos Maceira.
Ramiro Fontenla Andújar.
Jaime Baella.
Enrique González Mathe.
Adriano del Castillo.
José Bazarra Fernández.
Jesús López Cabado.
Marcelino Angulo.
Narciso Pena López.
José Abella.
Emilio Fajardo Quinteiro.
José Rosende Calvo “Negro”.
Luis García Rey.
Fortunato Martínez Mantiñán.
Manuel Bestilleiro Galán.
Adolfo Bregua Mouriño.
Cándido Espinosa Cepeda.
José Moreno Torres.
Alejandro Basilio Palacios.
Manuel Carrera Miragaya.
Antonio Vidal González.
Francisco Raña Boquete.
Luis “O de Carral”.
Ángel Fernández Fernández.
Julián Carballo Gómez.
Octavio carro García.
Rogelio Ares Valiño.
Antonio Lorenzo García.
José Rey.
Luis Vázquez López.
Jacinto Méndez Esporín.
Manuel Montes Don.
Carlos Montes Babío.
José Gómez Roibal “Cadreche”.
Aquilino Parapar Franco.
Alejandro Maneiro Queiruga.
Manuel Parga Suárez.
Bautista Mosquera Rodríguez.
Cesáreo Méndez Vázquez.
Teresa Varela Calviño.
Acracio Seoane Díaz.
Alfonso Baleiro Caramés.
José García Vázquez.
Victoriano Fernández Fernández.
Jaime Rodríguez García.
Lino Carrión García.
Florentino González Junturis.
Ricardo Martín González.
Eloy Lemus Suárez.
Ramón González Canosa.
Francisco Meizoso Veiga.
Domingo Rey Lago.
Manuel Hermida Hermida.
Manuel Rúa Losada.
Delfino Liñeira Fraga.
Enrique Expósito González.
Eladio Muiños Díaz.
Emilio Rodríguez Doldán “Xanetas”.
Andrino Fernández.
Ramón Vázquez Castro.
Antonio Carballo Raso.
Gregorio Caño.
Manuel Patricio.
Manuel Iglesias Rodríguez.
Jesús López Díaz.
Fernando Pombo Segade.
Francisco Díaz Moreno.
Alejandro Dopico Saleta.
Manuel Bergantiños Pose.
Ramón Díaz Baleiro.
Luis Lafuente Naveira.
Arturo Meirás Martínez.
Féliz Ramón.
Holando Mosquera Rodríguez.
Manuel Seoane Díaz.
Rogelio González Souto.
Felisardo Brandariz Souto.
Antonio Furnarakis.
Manuel Seoane Díaz.
Luis Neira Suárez.
Juan González Horta.
Antonio Barreiro Méndez.

Inventário dos archivos da CNT (1870-1872, 1922, 1931-) 1936-1939
Instituto Internacional de História Social de Amsterdam
Existe cópia do arquivo na F.A.L. (Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo)
http://www.iisg.nl/archives/en/countryindex/spain.php