8M: folga xeral feminista

8M : Folga xeral feminista 24h

CNT Galiza reúnese co grupo parlamentario do PSOE no Parlamento

No marco das reunións cos grupos parlamentarios que a CNT solicitou o pasado 7 de febreiro, citouse ao sindicato no Parlamento para reunirse co Partido Socialista.

A reunión tivo lugar na tarde do mércores e durou aproximadamente unha hora e media.

A CNT presentou as súas reivindicacións ás representantes enviadas polo partido, as deputadas María Luisa Pierres López e Noela Blanco, que comunicaron ao sindicato a súa intención de apoiar a folga a título individual, pero soamente acolléndose aos paros parciais -insuficientes según a visión de CNT- convocados polos sindicatos de concertación UGT e CCOO.

As reivindicacións feitas polo sindicato foron escoitadas, e as deputadas declararon que algunhas son coincidentes coas do seu partido. As dúas partes mostraron o seu interese por continuar as conversas tras o 8 de marzo.

Desde a CNT considérase que esta reunión, independientemente dos cambios que poda producir, foi «moi aberta e nótase que as persoas enviadas polo grupo teñen formación tanto en materia de xénero como en relacións laborais, o que facilitou o intercambio de opinións».

 

CNT Galiza rexistra a folga xeral feminista de 24 horas do 8M

A Confederación Nacional do Traballo en Galiza, tras a participación nas asambleas convocadas por diversas organizacións feministas e en apoio contundente as súas reivindicacións, sitúase detrás do movemento das mulleres e convoca folga laboral 24 horas para o día 8 de marzo de 2018.

O sindicato solicitou reunións cos grupos parlamentarios, coa Consellería de Economía, Emprego e Industria e coa Confederación de Empresarios Galegos (CEG) para abordar esta situación de desvantaxe que sufren as mulleres e negociar as reivindicacións e propostas de actuación, pero, ata o momento, só responderon a dita solicitude de reunión: En Marea e Partido Popular.

Tomando como base as reivindicacións laborais das mulleres organizadas, a CNT fai un chamamento a secundar a folga laboral 24 horas coas seguintes demandas, expostas a modo de resumo: a eliminación da fenda salarial, a eliminación dos obstáculos que teñen ás mulleres no acceso e promoción do emprego, a conciliación da vida laboral e familiar, a eliminación de toda discriminación no emprego ao servizo do fogar familiar e, en definitiva, a eliminación da problemática de discriminación e desvantaxe que sufren as mulleres no ámbito laboral.

Como a situación de precariedade laboral femenina é indiscutíble e moitas terán medo e dúbidas á hora de secundar a folga, a CNT achega unha guía coas Preguntas frecuentes sobre a folga do 8M que poden xurdir. Ademáis, a CNT anima a que contacte calquera persoa que queira secundar a folga e que tras ler a guía aínda teña dúbidas sobre a súa situación.

Coa vontade do sindicato de seguir detrás do movemento feminista apoiando as súas accións, a CNT tamén secundará a manifestación que as organizacións feministas convocan o día 4 de marzo en Vigo. Ademáis, en diferentes vilas da Galiza estánse organizando manifestacións ou concentracións para o mesmo 8 de marzo.

A CNT de Galiza oficialmente convoca a folga de 24 horas o día 8 de marzo e en palabras do sindicato, «se as mulleres paramos, todo para. Xuntas paramos, xuntas avanzamos.».

 

CNT formaliza a convocatoria de folga xeral para o 8 de marzo

 

  •  A Confederación Nacional do Traballo convoca a mulleres e homes a unha folga xeral feminista de 24 horas para acabar con toda discriminación de xénero
  • O sindicato está mantendo reunións con grupos parlamentarios e patronais para negocias as propostas e reivindicación que vertebran a folga

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) presentou esta mañá no Ministerio de Emprego e Seguridade Social a convocatoria de folga xeral de 24 horas para o 8 de marzo, tal e como acordou a confederación por unanimidade no seu Pleno de Rexionais o pasado 27 de xaneiro.

A CNT reúnese co Partido Popular

  • No seo das negociacións que esixe a lei ante a convocatoria de folga xeral, a Confederación Nacional do Traballo en Galiza reuniuse coas representantes do Partido Popular este luns no Parlamento.

 A CNT, en calidade de sindicato convocante da folga xeral de 24 horas que terá lugar o vindeiro 8 de marzo –Día da Muller–, reuniuse esta mañá con Paula Prado, conselleira e responsable da área de Igualdade no Parlamento galego.

 A reunión tivo lugar pasado o mediodía e durou apenas unha hora, na que dou tempo a atisbar as posicións enfrontadas entre o partido que ostenta o poder e a forza dos movementos sociais representados na convocatoria de folga.

CNT participará no acto de difusión da folga feminista da MMM

  • CNT Galiza participará no acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres.

O vindeiro 15 de febreiro terá lugar en Compostela un acto de difusión e información sobre a folga xeral feminista convocada para o vindeiro 8 de marzo. A CNT participará abordando o seu posicionamento a favor da convocatoria de 24 horas no ámbito laboral, así coma no de coidados, estudiantil e de consumo.

O acto será na Casa das Mulleres Xohana Torres ás 20:00.

CNT Galiza reúnese con En Marea

Con motivo da folga xeral feminista que a CNT convoca o próximo 8 de marzo, o sindicato solicitou reunións para facer chegar as reivindicacións da folga aos axentes políticos e á patronal. Así, o 7 de febreiro tiña lugar a primeira reunión entre as representantes do sindicato e o grupo parlamentario En Marea.

Paula Quinteiro, en representación do seu partido político, escoitou de primeira man as reivindicacións do movemento feminista e mostrouse aberta a levalas ao parlamento, así como a seguir mantendo reunións despois da folga de 24 horas convocada.

O sindicato salienta e «agradece a rápida resposta de Paula Quinteiro» ante a solicitude de reunión.

CNT Galiza solicita reunións coas forzas políticas e a patronal

 

  • CNT Galiza solicita reunións cos grupos parlamentarios, coa consellería de traballo e co CEGA para abordar a situación de precariedade laboral que sofren as mulleres no noso país.

A Confederación Nacional do Traballo da Galiza mantivo, nos últimos meses, reunións con diversas organizacións feministas, nas que os colectivos trasladaron a súa preocupación pola situación de discriminación que están a sufrir as mulleres e a súa vontade de convocar folgas nos seus respectivos ámbitos funcionais de actuación (de coidados ou de consumo) así como o requerimento á organización sindical de convocar folga xeral laboral, de 24 horas, para o día 8 de marzo de 2018.

Por este motivo, a CNT solicita reunións cos grupos parlamentarios, coa consellería e co CEGA (Confederación de Empresarios de Galicia), para poder compartir a análise da desvantaxe das mulleres con respecto ao xénero masculino no ámbito laboral, así como discutir as propostas de resolución e a mellor maneira de levalas a práctica.

Estamos ante unha situación inxusta que se debe atallar urxentemente e, por iso, a CNT, actúa.

CNT aproba por unanimidade convocar folga xeral feminista este 8 de marzo

 

CNT 8 Marzo

  • A Confederación Nacional do Traballo respalda o chamamento do movemento feminista estatal e acorda convocar folga xeral de 24 horas o 8 de marzo.
  • 'Xuntas paramos. Xuntas avanzamos' será o lema da campaña coa que o sindicato anima a todas as mulleres a secundar a folga.

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) súmase á iniciativa do movemento feminista galego e estatal para o Día Internacional da Muller e acorda por unanimidade no seu pleno de rexionais celebrado o sábado 27, convocar unha folga xeral de 24 horas o próximo 8 de marzo.

Nesta convocatoria CNT colócase, como sindicato, detrás do movemento feminista galego e estatal, que de forma autónoma, asamblearia e desde abaixo, fixo un chamamento a todas as mulleres para que exerzan o seu dereito a folga en todos os ámbitos nos que sofren a violencia patriarcal: laboral, estudiantil, de consumo e de coidados.